Licitado en Ribeira o subministro de dous centros de compostaxe comunitarios e 85 composteiros domésticos

O Concello de Ribeira vén de sacar a licitación os traballos para a posta en marcha de dous centros de compostaxe comunitario (destinados ao tratamento in situ de biorresiduos no casco urbano da cidade) así como o subministro de 85 composteiros domésticos para tratamento de biorresiduos en vivendas.

O proxecto contempla a implantación de dúas áreas de Compostaxe Comunitario nas zonas das Abesadas e O Touro que recibirán a fracción de residuos orgánicos dos domicilios nun radio de 500 metros, así como os residuos orgánicos procedentes do comercio de alimentación e hostalería máis próximos. Tamén se empregarán restos de roces, podas e céspede tanto das hortas e xardíns de propiedades particulares (vivenda individual ou colectiva con zonas verdes) como os procedentes dos parques e xardíns municipais, no radio de afección do centro de tratamento comunitario. Este material residual procedente de parques e xardíns empregarase como material estruturante, segundo informou o Concello, engadindo que cada punto de compostaxe comprenderá 5 unidades modulares, un contedor de 3 metros cúbicos para restos de biomasa procedentes de parques e xardíns, unha caseta para almacenamento de apeiros, un acubillo para o almacenamento de material estruturante triturado e máis un punto de auga para rega e recollida de augas, coas súas respectivas conexións aos servizos públicos de abastecemento e saneamento.

O Centro de Compostaxe Comunitario ocupará unha superficie de 4 por 8 metros, pechado mediante un valado co fin de limitar os acceso aos usuarios adheridos ao proxecto. Tamén se prevé a dotación dunha biotrituradora-racheadora que será compartida polos 2 Centros de Compostaxe Comunitario

Por outra parte, tamén se contempla neste proxecto a implantación de 85 composteiros individuais naquelas vivendas, tanto do núcleo urbano como das parroquias, que dispoñan de terreo para a súa instalación.

A actuación ten un prezo base de licitación de 54.998,88 euros con IVE e está financiada ao abeiro da Orde do 5 de maio de 2020 (D.O.G. Núm, 92 do 13 de maio de 2020) Axudas en materia de residuos de competencia municipal co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 segundo resolución ditada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, por delegación da súa Conselleira

As entidades interesadas dispoñen ata o 28 de xuño á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.