En Rianxo, 130 prazas e catro localizacións para o Campamento de Verán 2021

O Concello de Rianxo vai desenvolver o seu Campamento de Verán Rianxo 2021 entre os días 5 de xullo e 27 de agosto. Trátase dunha actividade deslocalizada (con catro emprazamentos no concello) directamente encamiñada a encher a época estival de creatividade e lecer para a rapazada do termo municipal, ao tempo que se achega unha importante alternativa de conciliación para as familias. Celebrarase de luns a venres, de 10.30 a 13.30 h, e contará con servizo de Plan Madruga, de 08.00 a 10.30.

Está destinado a nenos e nenas nados dende o ano 2009 ata o ano 2017, cun total de 130 prazas, distribuídas do seguinte xeito:

-Pazo de Rianxiño: 50

-CEP Brea Segade: 40

-CEIP Ana Mª Diéguez: 20

-Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro: 20

O prazo de inscrición comezará o vindeiro luns 7 de xuño, e deberá realizarse mediante presentación de solicitude no rexistro do Concello. Máis información no apartado específico da web municipal adicado á edición 2021 do Campamento de Verán.