En Noia un condutor de avanzada idade que non podia respirar auxiliado pola Garda Civil


Axentes da Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Noia auxiliaron e trasladaron ao centro médico desa localidade a un veciño de Lousame de avanzada idade tras ser localizado nun vehículo con dificultade para respirar.

Segundo relatou o Instituto Armado, os feitos ocorreron cando unha patrulla desa unidade realizaba un servizo da súa especialidade na localidade coruñesa de Noia.

No transcurso do mesmo axentes da Garda Civil observaron na zona de Toxeira un vehículo estacionado no medio da calzada cuxo condutor requiría a súa presenza.

Ao aproximarse ao turismo, os gardas civís constataron que o seu ocupante era unha persoa de avanzada idade “con gran dificultade para respirar”, polo que de inmediato, destacan as mesmas fontes, solicitaron ao CIAE 112 a presenza dunha ambulancia para asistir a esta persoa.

Ante o empeoramento da situación, a Garda Civil decidiu realizar o seu traslado no vehículo oficial ao centro de saúde de Noia, co fin de non demorar a súa atención. Este condutor foi asistido durante o traxecto por un dos compoñentes da patrulla.

Unha vez acudidos no centro sanitario, solicitaron a presenza dun facultativo para a atención a esta persoa, a cal, tras recibir unha primeira asistencia, foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela onde “se recupera favorablemente”, destaca a Benemérita. (A)