CONGALSA celebra o Día do Medio Ambiente con obradoiros de sensibilización para o seu equipo de profesionais

04 Xuño 2021

A empresa CONGALSA reivindica estes días as metodoloxías de traballo sustentábeis, eficientes, eficaces e respectuosas cos recursos naturais e a súa conservación. Faino a través dun programa de obradoiros de sensibilización ambiental para o seu equipo de traballo, encadrados na celebración do Día Mundial do Medio Ambiente (este sábado 5 de xuño). “Nesta data lembramos a importancia de manter en bo estado a nosa contorna e a necesidade de actuar unidos para facelo posible”, sinalou a empresa alimentaria da Pobra do Caramiñal, salientando a súa aposta “por integrar a concienciación ambiental na formación que ofrece aos seus equipos”.

Desta aposta xorden os ditos obradoiros de educación ambiental para os seus traballadores, enmarcados no Proyecto Personas de CONGALSA.

O obxectivo principal dos talleres é “sensibilizar e formar sobre as causas e impactos da actividade humana no medio ambiente”, ao tempo que se pon o foco (dado o perfil da empresa, a sensibilidade do seu cadro humano e as fortes ligazóns de CONGALSA cos ecosistemas mariños) en como a actividade humana pode xerar impacto negativo sobre o medio natural e cales son as medidas das que se pode botar man para evitalo.

Máis en detalle, nas sesións establécese unha formulación introdutoria sobre como se chegou á situación actual e ao contexto de crise ambiental que nos envolve, proporcionando unha reflexión sobre o sistema ambiental do que as persoas forman parte e sobre como o modelo actual repercute sobre o medio ambiente.

Nunha segunda parte, os obradoiros poñen o foco na acción, abordando o impacto das decisións diarias na nosa contorna e, en consonancia, explícase como determinados xestos diarios poden mellorar e reducir a presión sobre os ecosistemas, naturais e urbanos.

Nestas sesións faise especial fincapé nalgúns eixos aliñados co compromiso ambiental de CONGALSA, como son a intensidade enerxética e eficiencia no consumo de recursos (explicando o vínculo entre a alimentación e os ecosistemas), a xestión de residuos (cunha lectura tamén desde o punto de vista da crise pola COVID19 e os seus efectos ambientais) e a implicación das decisións diarias e o cambio climático.

“Os talleres”, explica a empresa alimentaria, “ofrécense como resposta ás propias peticións do noso persoal, quen demandou actividades formativas vinculadas ao ámbito ambiental. Por iso xeráronse estas actividades, prácticas e dinámicas, como unha acción máis que contribúe ao compromiso social de CONGALSA reflectido a través do Proyecto Personas”.

Lembrar que a empresa con sede principal no Polígono da Tomada conta dende hai máis dunha década cun sistema de xestión integrado que incorpora os aspectos ambientais e de protección da contorna ambiental ao máis alto nivel. Ademais de dispor da certificación segundo a norma ISO 14001:2015, forma parte do Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría, coñecido polas súas siglas EMAS.

Asemade, entre outras medidas, conta cun código de conduta e prácticas responsábeis que integra tamén a actividade das organizacións provedoras, como garantía dun bo facer que permita aliñar o traballo coa protección do medio ambiente e o respecto á sociedade e as persoas.

CONGALSA tamén lembra que a súa aposta decidida polas enerxías renovábeis remóntase a 2018, coa instalación de placas fotovoltaicas nas cubertas das naves de Ribeira, A Pobra do Caramiñal e, desde este ano 2021, tamén en Canarias.

Desde o 01/01/2018 até o 30/04/2021 a compañía xerou 1.443.486 kWh de electricidade, o que equivale a non emitir 490 Tn de CO2 á atmosfera, ou ben non queimar 374 Tn de petróleo ou plantar 49.079 árbores que cubrirían unha superficie equivalente a 56 campos de fútbol.

Outros artigos

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.