Comezan as obras do novo Auditorio Municipal de Ribeira

Este luns 7 de xuño de 2021 deron inicio as obras do novo Auditorio Municipal de Ribeira da man da UTE formada por Xestión Ambiental de Contratas, S.L., e Prace Servicios y Obras, S.A..

Antonio Pons Canellas, Anna Gorrochategui Matas e Bernat Pons Vidal son os arquitectos que, baixo o título Choiva, pedra e cristal, redactaron o proxecto do novo Auditorio de Ribeira.

As tarefas comezaron co despregamento do valado da parcela situada xunto á praza do Centenario onde se levantará esta infraestrutura, que, segundo o Concello, “será un expoñente da nova arquitectura e un exemplo modélico de transformación urbana”. A intervención terá un custe total de 3.977.964,69 euros, co-financiado no 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e ten un prazo de execución de 15 meses.

O Auditorio ofrecerá 4 ámbitos de actuación escénica: a Sala Principal do Auditorio cun aforo de 464 persoas, a Sala Polivalente con 120 butacas, a aula de Ensaios que grazas ás súas conexión permitirá aos músicos desprazarse ó escenario e camerinos de maneira máis fácil e rápido, e o Vestíbulo, deseñada coa posibilidade de incorporar servizo de bar ou de gardarroupa. O edificio estará composto de dúas plantas sobre rasante, unha planta semisoto e un soto. Doutra banda, a infraestrutura preséntase como dous grandes volumes que se relacionan a través dun gran baleiro e o vestíbulo.