Na súa novena edición, o Festival Atlántica de espectáculos de narración oral vai recalar en tres concellos da nosa comarca: Ribeira, A Pobra, Outes e Dodro. En todos estes municipios a organización do certame programou importantes actividades (unha decena) nalgúns dos seus espazos máis singulares, como por exemplo o Castro da Cidá en Ribeira, o parque da Punta do Castro en Castiñeiras, a praia de Broña en Outes ou o Castro da Croa na Pobra do Caramiñal.
En Ribeira
Polo que se refire a Ribeira, fai parada neste concello por vez primeira. Haberá dous espectáculos: un de Xurxo Souto e outro de Paula Carballeira. As citas serán os días 4 e 8 de xullo e ambas as dúas funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente na web festivalatlantica.gal. As actividades son posíbeis grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Ribeira.
A primeira cita cos contos de Atlántica será o domingo 4 de xullo, con Xurxo Souto e O retorno dos homes mariños. A función, dirixida ao público adulto, será no Castro da Cidá a partir das 21 horas. Neste espectáculo Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. A actividade é gratuíta pero para asistir cómpre reservar a entrada na web do festival.
Uns días máis tarde, o xoves 8 de xullo, Paula Carballeira brindará unha sesión do espectáculo Os camiños máis longos no parque da Punta do Castro. A partir das 21 horas o público adulto terá unha cita cos contos que se atopan nos camiños que se percorren devagar, con curiosidade e as orellas ben abertas.
En Outes
Na súa novena edición, o Festival Atlántica de narración estrea sede en Outes, onde ten previsto ofrecer catro espectáculos os días 3 e 10 de xullo e 13 de agosto. Nesta ocasión achegaranse ata o concello as historias do guineano Marcelo Ndong, a salmantina Eugenia Manzanera e mais o galego Xurxo Souto. Todas as funcións son gratuítas, pero para asistir cómpre reservar previamente no correo cultura@outes.gal.
As actividades comezarán o sábado 3 de xullo cun programa dobre a cargo de Eugenia Manzanera. A primeira función será ás 19 horas na praia de Broña, onde a narradora salmantina levará os seus Contos galiñáceos. Nesta sesión para nenos maiores de tres anos haberá múltiples personaxes con peteiro: galiñas, parrulos, curuxas, rulas… E virán cheos de historias aladas para despegar e ser felices.
Un chisco máis tarde, ás 21.30 horas, será o segundo espectáculo de Manzanera, Un, dous o(u)varios contos que se desenvolverá na ponte Nafonso e que está dirixido ao público adulto. Consiste nun cóctel de historias femininas, feministas, felinas e fellinianas aderezadas cun chisco de picante e pingas de humor que cómpre degustar con palla retranqueira.
Unha semana máis tarde, o sábado 10 de xullo, será o guineano Marcelo Ndong quen se achegue ata o concello de Outes para agasallar o público adulto cunha función de Que fan os fang cando contan contos. O espectáculo será no cruceiro de Roo a partir das 21 horas.
O peche das actividades de Atlántica en Outes será o venres 13 de agosto e virá da man de Xurxo Souto. O público adulto está convidado a gozar con O retorno dos homes mariños a partir das 21 horas na terraza do centro náutico do Freixo.
Na Pobra do Caramiñal
O Festival Atlántica estréase Pobra do Caramiñal e faino enchendo de contos lugares como a praia da Illa, o Castro da Croa ou a Serra do Barbanza. Actuarán Vero Rilo, Cándido Pazó e José Luis Gutiérrez Guti, os días 1, 4 e 9 de xullo respectivamente. Os espectáculos son gratuítos pero para asistir cómpre reservar por adiantado a través da web festivalatlantica.gal. Estas actividades son posíbeis grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello da Pobra do Caramiñal.
A primeira actividade será o xoves 1 de xullo, a partir das 20.30 horas, na praia da Illa, onde Vero Rilo protagonizará o espectáculo Outra vez!. Trátase dunha selección de pequenas alegrías, unha escolma de contos de aquí e de acolá para contar sen parar e concibidos para o público familiar.
Uns días máis tarde, o domingo 4 de xullo, a partir das 21 horas, será a quenda dun veterano da oralidade galega, Cándido Pazó. O Castro da Croa vai acoller o espectáculo Como dicía o outro, unha hora de historias para adultos que parecen contos, contos que parecen de verdade, verdades que parecen mentira.
O responsábel de pechar as actividades do Festival Atlántica na Pobra do Caramiñal vai ser o zamorano José Luis Gutiérrez, máis coñecido como “Guti”. As Lobadías deste contador vanse escoitar na Portela, na Serra do Barbanza, a partir das 21.30 horas. Con este espectáculo para adultos, Guti réndelles homenaxe a todas esas xentes que lle contaron sobre o lobo, do mesmo lobo que lle ensinou os dentes, ao que escoitou ouvear nas noites de outono e co que se cruzou tantas veces nos camiños.
En Dodro
En Dodro, están previstas as seguintes actividades ao abeiro de Atlántica: o día 10 de xullo actuarán Rilo e Penadique no Lavadoiro de Lestrobe, achegando o espectáculo Lavandeiras.
Vero Rilo e Sonsoles Penadique achegan con Lavandeiras un espectáculo de narración oral que vai contar con música ao vivo, cantos e lendas, todos os elementos dispostos para mostrar a nosa tradición a través dun oficio tan importante como o que se levaba a cabo nos lavadoiros.