A Bienal de Arquitectura e Urbanismo premia obras de Ribeira, Outes e Muros

29 Xuño 2021

Finalmente O Barbanza pasará á historia da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) grazas ao importante número de propostas dos nosos concellos (Ribeira, Outes, Muros) que veñen de ser recoñecidas na XV edición do certame. Estamos a falar da convocatoria Panorama de Obras, na que tamén foron distinguidas dúas importantes contribucións de Bandeira e A Coruña. En total, contando todas as propostas do ámbito estatal, resultaron premiadas 20 obras (sendo 70 os finalistas).

O Banco do Piñeiro en Ribeira

A entrega de premios celebrouse este luns 28 de xuño no Pavillón Mies van der Rohe de Barcelona, sede que acollerá ata o 16 de setembro unha das exposicións desta mostra que se celebrará de maneira paralela do 2 de xullo ao 10 de outubro no Museo de Arte Contemporáneo Español Patio Herreriano de Valladolid. A esta dobre sede física da Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo únese nesta edición un terceiro espazo que se converterá en sede virtual desde a que seguir todas as novidades.

O conxunto turístico de Albeira, en Outes

Elixidas segundo criterios de calidade, pertinencia, vocación social e cultural ou innovación, as obras premiadas na categoría Panorama de Obras de Arquitectura e Urbanismo recollen unha visión xeral da produción arquitectónica, paisaxística e urbanística levada a cabo polos arquitectos españois e galegos nos últimos tres anos. Tal e como explica o xurado: “Son obras que responden aos retos da sociedade, que se vinculan e enraízan cos lugares onde se asentan e que aportan solucións para mellorar o contexto social e cultural no que operan”.

Rehabilitación de vivenda e Miraflores, Muros

A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, sinala que con este recoñecemento a arquitectura galega volve ser recoñecida a nivel nacional, xa que unha cuarta parte dos premiados da BEAU son galegos, “o que demostra que a arquitectura galega é distintivo de calidade e respecto polo contorno construído”.

O Campo de A Gandadeira en Silleda

En detalle, as cinco obras galegas premiadas son: o Campo de Fútbol de A Gandareira, situado no límite do casco urbano do lugar de Bandeira, concretamente na parroquia de Manduas do concello de Silleda, nun espazo indefinido entre o rural e o urbano, nesa xeografía dispersa que tanto caracteriza ao hábitat galego, é obra dos arquitectos Abraham Castro Neira e Carlos Alberto Pita Abad; o Banco do Piñeiro, proxecto de Carlos Seoane para xerar camiños nun contorno onde se unen valores patrimoniais diversos –históricos, paisaxísticos e botánicos–, situado en Castro da Cidá na estrada de Ribeira a Carreira; Tribuna Pública, instalación temporal na praza situada nas inmediacións da Fábrica de Tabacos da Coruña, un espazo permeábel de encontro para a cidadanía, obra do estudio Flu-or Arquitectura e a arquitecta Alba González; a Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Miraflores no concello de Muros, obra dos arquitectos Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico que dan forma a unha idea de proxecto que busca resaltar a súa identidade, dignificando o preexistente e creando un espazo interior fluído e bañado pola luz e dirixido ás vistas; e o Complexo Turístico de Albeida, intervención hoteleira no lugar de Albeida no Concello de Outes, no vértice da ría de Muros e Noia, con nove aloxamentos exentos e de nova planta que deben complementar a rehabilitación de catro construcións tradicionais, obra de Alfonso Salgado e Francisco Liñares.

A Tribuna Pública na Coruña

Vertebrada ao redor do lema España Vacía, España Llena. Estrategias de conciliación, esta edición da BEAU trata de ofrecer unha panorámica que contribúa ao achegamento e a reflexión sobre as capacidades de conciliación que poden ter a arquitectura e o urbanismo respecto das dúas realidades territoriais que existen no país: a dunha España densa, dinámica e poboada, e a doutra con menor densidade, máis invariábel e deshabitada.

Podemos ver a listaxe completa de finalistas na web da Bienal.

Outros artigos

Santiago Llovo presentou o libro “A salga en Cee e Dumbría”

O xornalista Santiago Llovo, un dos grandes expertos da actualidade na nosa rica historia pesqueira, conserveira e mariñeira, presentou en Dumbría, este xoves 10 de outubro o seu libro A salga en Cee e Dumbría. Interviñeron na presentación (acompañando ao escritor) a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

“Emerxencia social” – José Manuel Pena

Segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), entre os meses de abril e xuño do ano en curso, executáronse 5.874 desafiuzamentos por falta de pagamentos de alugueiro e uns 469 por execucións...

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

“El Teatro y los días”. Alberto Barciela

El teatro es espejo de la vida o de las costumbres, se aventura como oráculo, o arriesga incluso en vanguardias imprevisibles, en inverosímiles utopías, o no, con sencillez opta por  disimular angustias entre humoradas; por algo más de una hora actúa cual eficaz...