A ARE fai un chamamento a apoiar os negocios que se ven afectados polas obras do Paseo da Ribeira

A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) emitiu un comunicado no que reflicte as queixas dos negocios que se están a ver afectados na súa actividade polas obras do Paseo da Ribeira (destinadas a ampliar a capacidade da EDAR), que piden solucións urxentes e a máxima implicación de todas as entidades involucradas. A ARE comparte a preocupación dos seus asociados polo peche da circulación no Paseo.

“Unímonos á recollida de sinaturas iniciada polos negocios afectados coa finalidade de lograr, de xeito urxente, unha modificación no sistema de circulación establecido de xeito provisional e que desvía por Tanxil aos vehículos que precisan acceder ao porto e hasta o centro histórico da vila”, explica a ARE no seu comunicado, engadindo un convite a toda a cidadanía de Rianxo “para que apoie esta solicitude que está a disposición de todos en numerosos establecementos da vila e na propia sede da asociación”.

A ARE lembra que “segundo información recibida nos días anteriores ao peche de circulación actual, que comezou o pasado 1 de xuño, este ía ter unha duración de 15 días aínda que a empresa encargada da realización das obras ía tentar que fosen menos”. Porén, fíxose saber que a circulación no Paseo da Ribeira non se vai abrir hasta o vindeiro día 24. “Vendo a incidencia que os primeiros 15 días sen circulación de vehículos tiveron nos establecementos comerciais do casco vello da vila, cremos que é fundamental e de máxima urxencia que as entidades implicadas actúen de maneira conxunta, agora e tamén de cara á realización da obra completa despois do verán, coa finalidade de axilizar os traballos e minimizar os prexuízos que poidan causarse aos negocios afectados”, informa a entidade empresarial.

Desde a ARE remitíronse diversos escritos a Augas de Galicia, entidade encargada da xestión das obras, á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á que está adscrita a entidade anterior, e ao propio Concello de Rianxo. “Co Concello”, explica a patronal rianxeira, “estamos a manter conversas sobre as posibilidades de facilitar a circulación de vehículos cara ao casco vello e o porto evitando o seu desvío por Tanxil e insistímoslles en que unha opción viábel sería abrir ao tráfico, con tódalas medidas de seguridade necesarias, o tramo da rúa de Abaixo entre a praza de Castelao e a travesía da Ribeira”. A ARE sinala que lle consta que esta e outras alternativas están a ser baralladas pola Alcaldía e a Policía Local, así como tamén o cambio de dirección provisional na circulación a longo da rúa Hospital.