Premios para equipos da Pobra e Ribeira na sétima edición da FIRST LEGO League Galicia

31 Maio 2021

Este 29 de maio, logo dunha xornada de talento creativo da nosa mocidade argalleira en estado puro, a Universidade da Coruña (Campus de Ferrol) deu a coñecer a listaxe de gañadores da sétima edición da FIRST LEGO League Galicia, organizada pola UDC en formato virtual. O campión foi finalmente o equipo Captioma Steams de Ourense. O podio completouse con Efigy Girls Las Acacias, de Vigo no segundo premio da UDC ao gañador, e con Las Acacias Bot de Vigo co Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación. Estes tres equipos representarán na Galicia na gran final nacional que se celebra os días 26 e 27 de xuño, en formato en liña emitido desde Tenerife. Tamén obtiveron importantes distincións os equipos Robot City Pobra (CEP Salustiano Rey), da Pobra, e máis o Mega Builder Team (Mega Ribeira).

Esta sería polo tanto a listaxe completa dos gañadores da categoría FIRST LEGO League Galicia Challengue:

-Primeiro Premio Fundación Scientia ao gañador, Captioma Steams, de Captioma Galicia, Ourense.

-Segundo Premio da Universidade da Coruña ao gañador, Efigy Girls Las Acacias, do Colexio Las Acacias de Vigo.

-Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación, Las Acacias Bots, do Colexio Las Acacias de Vigo.

-Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST, Robot City Pobra, do CEP Salustiano Rey Eiras, da Pobra do Caramiñal, A Coruña.

-Premio Gabadi ao Deseño do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.

-Premio ao Comportamento do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.

-Premio ROBOTIX Hands-on learning ás Novas Promesas, H4CKZ4POS, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña.

-Premio ao Adestrador, 100tíficas Trabe, do IES Rego de Trabe, Culleredo, A Coruña.

-Premio Xunta de Galicia ao Emprendemento, Mega Builder Team, de Mega Ribeira, de Ribeira, A Coruña.

Integramente en liña

A Universidade da Coruña organizou este sábado 29 a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), que nesta sétima edición celebrouse integramente en liña pola pandemia da COVID-19. A Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol acolleu as reunións telemáticas do xurado e habilitouse no espazo do ximnasio do campus, no Centro Cultural Universitario, un estudo para a emisión de entrevistas e contactos en directo con distintos equipos participantes, no que o mago Martín Varela conduciu todo o evento.

Os premios desta edición entregaranse en formato presencial o vindeiro 5 de xuño, ás 11:00 horas na Escola Universitaria Politécnica, en Serantes, nun acto presidido polo reitor, Julio Abalde, a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o coordinador da FLL Galicia, o profesor da UDC José Antonio Becerra Permuy.

Na convocatoria participaron un total de 250 mozos e mozas de 34 equipos procedentes de toda Galicia.

Segundo valorou o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra, o formato telemático non incidiu na calidade das propostas, que “se situou no elevado nivel das edicións anteriores, aínda que si lle restou alegría ao campus”.

A FLL Galicia conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Ferrol e do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, a rapazada desfruta ao máximo coa ciencia e a tecnoloxía. “Ao mesmo tempo”, informan dende a UDC, “aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación”. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:

-Deseñar, construír e programar un robot.

-Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.

-Demostrar uns valores de equipo.

A FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

-Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.

-Desenvolver habilidades e competencias de futuro.

Outros artigos

O BNG eleva ao Parlamento a falta de médicos en Ribeira

A deputada Rosana Pérez, rexistrou iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de instar á Xunta de Galiza a dotar do número de profesionais sanitarios suficiente o centro de saúde de Ribeira. Dende o BNG denuncian que "malia os centos de anuncios e a propaganda do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...