O Concello de Lousame e a USC brindan aos maiores de 50 anos media ducia de formacións de balde

O Concello de Lousame e a Universidade de Santiago de Compostela van poñer en marcha unha nova edición do seu programa formativo conxunto para maiores de cincuenta anos. Trátase do ciclo gratuíto de docencia universitaria Camiños de coñecemento e experiencia, proxecto de democratización do coñecemento.

Esta iniciativa, froito dun convenio asinado entre ambas institucións, inclúe tres seminarios teóricos, un obradoiro práctico, unha saída e unha sesión práctica, que se van celebrar entre o 1 e o 8 de xuño en horario de 16:30 a 18:00 horas. A matrícula é gratuíta e pode formalizarse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 82 57 80, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O seminario que servirá de inicio ao novo programa celebrarase o 1 de xuño e denominase Escribir a nosa historia. Obxectos, soportes e instrumentos de escritura. A sesión estará dirixida polo investigador e profesor da Facultade de Xeografía e Historia colaboradora do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo da, Anxo Rodríguez, que tamén impartirá o día 2 o obradoiro práctico de análise de materiais arqueolóxicos e documentais no mesmo horario.

Os días 3 e 4 de xuño, Nerea Varela, colaboradora do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago, impartirá o seminario Simboloxía das cores e logo, ao día seguinte, dirixirá un percorrido a pé polos arredores para analizar o significado das cores.

Finalmente, o profesor do Programa Universitario para Maiores IV Ciclo e investigador da USC, Álvaro Dosil, será o responsábel do seminario O cine como linguaxe e da posterior sesión práctica nos días 7 (sesión teórica) e 8 de xuño (sesión práctica).

Camiños de coñecemento e experiencia é un programa organizado pola Vicerreitoría de Titulacións da USC e polo Concello de Lousame, que ademais conta coa colaboración da Consellería de Política Social, a Deputación Provincial da Coruña e o Banco Santander.