Lousame recupera as actividades culturais en maio con gallo das Letras Galegas

Na imaxe, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e o técnico de Cultura, Eduardo Agraso

O Concello de Lousame presentou o seu programa cultural das Letras Galegas, unha axenda con actividades seguras moi destacadas tanto dende o punto de vista cualitativo como, tamén, cuantitativo. Segundo fixo saber o Goberno local, o prato forte da programación deste mes de maio será o sábado 15 de maio na praza do Concello, onde se celebrará a XIX Festa do Galego con actividades lúdicas para nenos e nenas con obradoiros culturais Infantilandia, música a cargo do picadiscos infantil Marífaltri e coa animación de Fantoches Baj con Os velocíclopes. O obxectivo é que “sexa unha xornada educativa na que a cativada afonde na cultura dun xeito divertido”. Ademais nesta xornada tamén se difundirá a exposición Xela Arias, Aquela nena de Sarria.

As entradas para a Festa do Galego serán únicas para todo o evento (non poderán dividirse por actividade) e xestionáranse a través do BandoTicket.

Método de inscrición e medidas de seguridade

Dende o departamento de Cultura xestionan a ocupación e as capacidades máximas con este sistema dixital, o BandoTicket, a través do que os usuarios e usuarias poden conseguir as entradas para os eventos que se celebren no municipio. A iniciativa púxose en marcha coa recepción dos Reis Magos e “permite que as persoas que queiran asistir a un evento local poidan retirar de xeito gratuíto a súa entrada a través desta plataforma”, explicou o Concello, engadindo que “tras realizar o rexistro os usuarios reciben un correo electrónico na súa conta persoal, no que se lles facilita o acceso a un código QR, que o día do acto deben mostrar para a súa verificación na propia xornada antes de acceder ao espazo do evento”.

A través destas actividades, o Executivo local de Lousame pretende recuperar, “con moita cautela e con estritas medidas de seguridade sanitaria”, a actividade cultural no municipio. “A nosa intención é volver ofrecer cada vez máis propostas culturais á veciñanza. Se ben, a seguridade é o primeiro para nós, polo que sempre daremos prioridade ás normas determinadas polas autoridades sanitarias”, explicou Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.

Máis actividades

O Concello tamén fixo saber que a tradicional homenaxe á figura de Zernadas de Castro cunha ofrenda floral, terá lugar ás 12.00 horas a carón busto do cura de Fruime, se “ben este ano polas medidas de seguridade sanitaria non será un acto público senón que se difundirá posteriormente a través das redes sociais”.

En relación con Zernadas de Castro, o departamento de Cultura deseñou unha mostra virtual e física con diferentes paneis sobre este promotor do coñecemento na sociedade local. A exposición inaugurarase na Casa da Cultura o 28 de maio, e estará dispoñíbel para visitas durante dous meses.

Pola súa banda, o Club de Xubilados inaugurará o 17 de maio ás 12.00 horas unha exposición fotográfica na súa sede. A mostra está destinada a converterse nunha exposición permanente.

Dende a concellaría de Cultura tamén prepararon recursos didácticos a través do porta Lingua.gal a través do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021. Así, Xacobeando quedará publicado o 5 de maio, o Circo Atlántico o día 19 e Falar sen Cancelas o día 26 de maio.