Un home foi rescatado tras caer por unha pendente en Noia

Dotación de bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base en Boiro interviron en rescate de persoa por caída nos sendeiros do Río Tambre no Concello de Noia. Colaboran Protección Civil, Ges, Garda Civil, 061.

Os servizos de emerxencias rescataron na tarde de onte a un home que caeu por un desnivel cando camiñaba pola senda do Tambre, no concello coruñés de Noia.

Unha vez estabilizado, o ferido foi evacuado ao centro hospitalario de referencia para ser atendido das lesións provocadas pola caída.

O persoal do 112 Galicia tivo constancia do suceso a través dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade, que informaban da súa saída por mor dunha persoa ferida despois de que caera por un desnivel nunha zona próxima ao refuxio dos pescadores, entre a senda do río Tambre e a central eléctrica.

Decontado, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia activou un operativo no que participaron os Bombeiros de Boiro e os membros do GES de Brión co fin de colaborar no rescate e atención ao ferido. Do mesmo xeito, foi informado o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar onde se produciu o accidente, aínda que, finalmente, o varón foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.