Presentada en Compostela a ruta literaria para coñecer a capital de Galicia baixo o prisma de Valle-Inclán

Este 21 de abril presentouse na capital galega a edición actualizada de Santiago de Compostela: Rosa mística de pedra, o folleto que divulga o ronsel deixado na cidade por Ramón María del Valle Inclán e que a partir de agora estará dispoñíbel para o publico en versións galega e castelá na oficina de INCOLSA e máis no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Sae do prelo cunha tirada de 3.000 exemplares en cada unha das linguas.

No acto de prensa interviñeron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; os autores da publicación, o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán; e a tradutora dos contidos, Pilar Sampedro.

Segundo fixeron saber os autores, a obra “ofrece unha visión literaria da cidade monumental, rúas, prazas, arquitectura, personaxes e accións que inspiraron as páxinas e os ecos de libros, títulos das letras universais”. Tamén destacaron a súa relevancia como convite directo a cidadáns e visitantes para que percorran Compostela “dende unha nova perspectiva”, guiados por unha escolma de citas e de imaxes que “pregoan as excelencias da cidade artística, inmutábel e eterna”.

Igualmente, puxeron o foco noutro dos grandes atractivos do folleto: a serie iconográfica e a selección de fotografías orixinais de don Ramón del Valle-Inclán cando as súas estadías en Compostela, facilitadas polo neto do escritor. Entre elas, atópase a primeira caricatura coñecida e unha imaxe inédita na rúa do Vilar, restaurada por Adolfo Enríquez, profesional do Barbanza con múltiples premios e distincións nacionais e internacionais.

Esta publicación, sinalaron, “quere dar a coñecer a importancia que a capital galega ten para Ramón del Valle-Inclán e Ramón del Valle-Inclán ten para a cidade, equiparando así a Compostela con grandes Cidades Culturais Patrimonio da Humanidade, como Salamanca e Miguel de Unamuno, Granada e García Lorca ou Lisboa e Fernando Pessoa”.

Complementando a vertente biográfica que brinda cronoloxías e informacións contrastadas, a ruta literaria dirixe os pasos do público curioso por 22 estacións valleinclanianas: Na alameda, o monumento a Ramón del Valle-Inclán, antigo colexio de San Clemente de Pasantes, rúas do Vilar e Nova, igrexa de Salomé, Teatro Principal, praza das Praterías, exteriores e interiores da catedral, como as fachadas do Tesouro e de Praterías, sepulcro do apóstolo, capela da Corticela, naves da basílica, Pórtico da Gloria, O Obradoiro, San Martiño Pinario, A Berenguela, A Quintana, praza de Cervantes, Casa Grande do Conde de Ximonde, conventos de San Paio de Antealtares, A Ensinanza, Belvís, e fora do centro histórico a sepultura de Valle-Inclán en Boisaca.

A obra, un proxecto do Museo Valle-Inclán da Pobra, foi editada polo Concello de Santiago de Compostela a través da concellaría de Acción Cultural e INCOLSA – Turismo de Santiago.