Os socialistas de Ribeira avogan por unha ordenanza local de tráfico adaptada á maior presenza maior de bicis e patinetes

O grupo socialista de Ribeira, a través do concelleiro José Manuel Suárez-Puerta, achegou unha proposta para ser debatida en pleno relativa á ordenanza local de tráfico, unha ordenanza que, segundo indica, cómpre adaptala aos novos tempos, marcados por un crecemento dos vehículos alternativos, e a un concepto actual de cidade no que “os automóbiles deben deixar de ser os protagonistas principais e onde os peóns poidan recuperar espazos e desprazarse máis libremente, con menos perigo e interactuar de xeito máis amábel”.

Os socialistas explican que as zonas peonalizadas ou de preferencia peonil, que están plenamente presentes en Ribeira, son froito destas novas estratexias urbanas de sustentabilidade e calidade de vida. Porén, sinalan, estas novas fórmulas “non están reguladas de maneira concreta nas actuais ordenanzas de tráfico”. Concretamente o relativo á circulación de vehículos motorizados en zonas de preferencia peonil e a circulación de bicicletas e dos chamados Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) nestas zonas e nas estritamente peonís. En palabras dos socialistas, “é responsabilidade do Goberno municipal a elaboración ou adecuación das ordenanzas municipais para regular estas situacións”.

A agrupación indica que o actual regulamento local de tráfico, malia ser “relativamente recente”, do ano 2018, “non contempla especificamente o ordenamento da circulación das bicicletas en zonas peonís, nin a regulación dos carrís bici, nin a circulación das bicicletas por sendas e pasarelas de utilización estritamente peonil”.

Engaden que a circulación con VMP, especialmente con patinetes eléctricos, “atópase nun limbo no que na cidade de Ribeira ninguén sabe exactamente cales son as obrigas e cales son os dereitos que estes vehículos teñen”.

Os socialistas poñen de exemplo os traballos levados en cabo en cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla e Pontevedra, onde os gobernos municipais (de moi diferente signo político) xa actualizaron polo miúdo as disposicións de tráfico. “Se ben estas cidades non teñen nada que ver, en tamaño, con Ribeira, as situacións vividas polos cidadáns son as mesmas ou moi similares e as solucións e regulamentos de todas elas son tamén moi parecidos”, aclara o grupo do PSOE local, engadindo que en todos os casos detállase claramente que os patinetes eléctricos e as bicicletas soamente poden circular polas calzadas. Os socialistas tamén valoran positivamente que nestes regulamentos “a velocidade destes vehículos deba adaptarse á contorna na que circulan, sendo en zonas peonís igual, e nunca superior, á dun peón andando”.

E engaden: “Non estamos de ningunha maneira en contra nin das bicicletas nin dos VMP, todo o contrario, cremos que é necesario o aumento do número dos carrís bici, coherentemente trazados e sinalizados, incluíndo o trazado destes carrís bici as zonas recentemente peonalizadas, o marcado dos pasos de peóns nos que deben convivir para cruzar a calzada, etc. para que os peóns, ciclistas e usuarios de VMP teñan claro cales son os seus dereitos e cales son as súas obrigas (entre outras, o non facelo polas beirarrúas nin a unha velocidade que exceda a permitida)”.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista expón o seguinte:

1.- Que por parte do Equipo de Goberno se proceda ao trazado, marcado e sinalización de carrís bici en todas as zonas peonalizadas ou de preferencia peonil.

2.- Que se revise a adecuación dos carrís bici existentes, eliminando os obstáculos que entorpecen o uso dos mesmos e optimizando o seu trazado “para propiciar unha mellor utilización”.

3.- Que se engadan á ordenanza municipal existente os artigos necesarios para regular todo o exposto anteriormente ou, de ser necesario, que se redacte unha nova ordenanza de tráfico.