O Noia deixa escapar dous puntos e o Puebla consegue seu primeiro triunfo

12 Abril 2021

Nova xornada no grupo B da Preferente Norte Galicia na que o Noia empatou (1-1) deixou escapar dous puntos fronte ao Xallas nos minutos finais e o Puebla venceu pola mínima (1-0) contra o Pino. O CD Boiro non disputou a súa xornada fronte ao SD Dubra por mor dos casos positivos que sufre o conxunto de Barraña.

Noia CF 1 – 1 Xallas FC

O Julio Matito acolleu o encontro entre o Noia CF e o Xallas, dous conxuntos que acadaron bos resultados neste inicio de liga e que terminaría en empate logo de que o conxunto local deixara escapar dous puntos nos intres finais do partido.

O cadro dirixido por Iván Carril mostrou a súa superioridade dende o minuto un, imprimindo un gran ritmo ao xogo e creando numerosas ocasións, que darían froito ao primeiro tanto do encontro no minuto 13 obra de Hugo. A primeira metade foi un constante acoso por parte do Noia, mais non puideron converter esas oportunidades en goles que permitiran ampliar a vantaxe.

Os segundos 45 minutos seguiron a mesma tónica, cos brancos creando ocasións e chegando con perigo e co Xallas defendendo como gato panza arriba para frear as acometidas dos xogadores locais. Logo de tanto perdoar, o Xallas aproveitou a súa única ocasión tras unha xogada embarullada na área e colocaría o definitivo empate a un no minuto 77.

Tras este empate o Noia deixa escapar a posibilidade de afianzarse no primeiro posto e afastarse dos seus perseguidores. A próxima cita dos noieses será no derbi fronte o CD Boiro, se a COVID o permite.

Puebla 1 – 0  Pino SD

O Puebla conseguiu a súa primeira vitoria (1-0) da temporada a costa do Pino SD, que segue sen puntuar neste comezo de competición. O encontro tívose que disputar a porta pechada polo aumento de casos de COVID-19 no municipio.

Comezou o conxunto de Anxo Casalderrey metido no encontro e inclinando o campo ao seu favor, con dominio de balón e igualando a intensidade que exercían os visitantes á hora de recuperar a posesión. Falcón, no minuto 25, anotou un penalti que puxo o 1-0 no electrónico, mais a pesar de resultar contraditorio, logo do tanto os branquiazuis comezaron a despregar un fútbol lento e trabado.

O marcador mostraba un resultado apertado, algo que deu folgos ao Pino para tentar buscar o primeiro punto da temporada no tramo final do encontro. Gozou o Puebla dalgunha ocasión para sentenciar o encontro, mais non o lograron e sufriron para amarrar un triunfo nun partido gris e pobre por parte de ambos conxuntos.

Con estes tres puntos o Puebla acada así a súa primeira vitoria na Preferente e sitúase con 4 puntos, a dous da segunda praza que da acceso á fase de ascenso para a Terceira División. O vindeiro domingo o cadro de Casalderrey visitará ao Xallas, nun partido que se presume clave para as aspiracións de ambos equipos no que resta desta temporada exprés.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...