O escritor palmeirán Francisco Antonio Vidal, Premio Laudamuco para textos teatrais

12 Abril 2021
O escritor palmeirán nunha imaxe de Eduardo Castro Bal para a AELG

Finalmente o escritor da nosa terra Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) resultou ser o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (na parroquia ribeirense de Palmeira), concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

O acto de entrega está previsto para o domingo 16 de maio en Brión, momento no que Francisco Antonio Vidal Blanco sucederá no palmarés do Premio Laudamuco a Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores.

O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame. O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.

Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbras é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e na que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.

O xurado destacou tamén “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns, ausentes moitos outros, mais posuidores todos eles dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos”.

Apertura da plica

O Concello de Brión fixo saber que “a situación de pandemia sanitaria alterou o normal desenvolvemento do protocolo de apertura da plica correspondente ao nome do autor ou autora do texto premiado”. Deste xeito, engadiu o Goberno local, “un acto que debera terse celebrado o propio 8 de abril, data da reunión telemática do xurado, tivo que adiarse até o luns 12 de abril, ás 10:00 horas, na Casa da Cultura de Brión, contándose coa participaron da concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez; Manuel Guede Oliva, en representación do xurado; e Alberto Álvarez Escudero, xestor Cultural do Concello de Brión.

O autor

Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, Ribeira, 1957) é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), El Correo Gallego (1999 a 2000), El Periódico de Arteixo (2003) e La Voz de Galicia (desde 2005). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil A serea (2006, Fervenza).

O Laudamuco será o seu primeiro premio literario en materia teatral, se ben ten recibido outros galardóns pola súa obra de narrativa, entre os que figuran o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba de 1992 e 1997, o Premio Terra de Melide de 2005, o premio de Narración de Aventura Avilés de Taramancos de Noia en 2003 ou o Premio Sereo 2017 da Asociación Cultural Barbantia, á súa traxectoria cultural, entre outros.

Outros artigos

O mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado en Rianxo

O músico mozambiqueño Cheny Wa Gune estará este sábado 26 de setembro en Rianxo no marco das celebracións do 10.º aniversario do pasamento de Fran Pérez "Nar", co patrocinio da Deputación da Coruña. A cita será ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e será un concerto...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.