Entidades afectadas polo parque natural reúnense con representantes da Consellería para analizar o Prux

Tal e como estaba previsto, o salón plenario do consistorio deu cabida esta mañá a unha nova reunión en torno ao PRUX do parque natural de Corrubedo que contou coa participación de representantes das comunidades de montes de Olveira, Artes e Carreira e da asociación de propietarios afectados, así como de responsables da Consellería de Medio Ambiente (Tomás Fernández-Couto e Antonio Rodríguez Fernández) e do alcalde Manuel Ruiz.
No transcurso da xuntanza, os alí presentes analizaron todo tipo de cuestións vinculadas co Plan Reitor en fase de exposición pública, tales como a práctica de deportes náuticos, a pesca, aspectos urbanísticos, delimitación de zonas, autorizacións e usos tradicionais, concesión de axudas ou o acceso ao Río do Mar. Así mesmo, outro asunto posto sobre a mesa é a posibilidade de que, coa aquiescencia dos seus propietarios, terreos privados situados en zonas de uso limitado podan ir cambiando a titularidade pública.
Foi unha reunión moi produtiva, de máis de dúas horas de duración, na que se realizaron avances en todos os apartados indicados, sempre baixo a premisa da necesidade de preservar os valores ambientais inherentes ao parque.