Como pór freo ás condutas aditivas, ao detalle nunha actividade formativa para o IES da Pobra

O IES da Pobra do Caramiñal, en colaboración co Concello, vai achegar formación á mocidade local relativa ás condutas aditivas e aos recursos dos que poden botar man para identificalas e arredalas. A iniciativa xorde das xuntanzas as periódicas mantidas entre ámbalas partes implicadas. Dirixida a alumnado das tres aulas de 4.° da ESO do IES, a actividade formativa transcorrerá ao longo da próxima semana e atópase conformada por un total de 15 sesións (5 por clase) que serán impartidas

polo psicólogo Juan Carlos Permuy Bermúdez e pola psicóloga Belén Montesa Lou.

O Concello indicou que esta actividade pódese desenvolver “a pesar da situación epidemiolóxica en que se atopa A Pobra”, pois “a formación impartirase ás persoas usuarias do centro educativo nas propias instalacións e no horario escolar, respectando así as medidas de seguridade”.

A directora do IES, Margarita Saborido, destacou a importancia desta actividade, “a cal non se cingue exclusivamente ao consumo de substancias, senón que tamén abranguerá as apostas, os videoxogos, o uso do móbil ou as redes sociais, especialmente”. Segundo engadiu, o obxectivo é “a prevención” e “dar aos participantes a capacidade para que poidan tomar a decisión ou xestionar determinadas circunstancias onde se van ver envoltos ao longo da adolescencia e da súa vida”.

Pola súa parte, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), manifestou que a educación constitúe un dos piares básicos da sociedade, polo cal “nos parece fundamental que establezamos relación co instituto”, producíndose así unha sinerxía entre ámbolos órganos. Cerecedo puxo o foco na relevancia do papel das familias, particularmente, para saber como actuar ante determinadas situacións.

En relación con isto último, estaba prevista unha charla destinada ás familias da man de Juan Carlos Permuy Bermúdez, a cal se tivo que adiar pola condición en que se atopa actualmente o municipio por mor do coronavirus, polo cal se informará da nova data cando a situación así o permita.