Ribeira contará cunha ducia de puntos Wi-Fi de balde para cidadáns e visitantes

09 Marzo 2021

Ribeira vai dar novos e importantes pasos en materia de conectividade pública e accesíbel. Así o confirmou este martes 9 de marzo o Concello, informando do proxecto WiFi4EU e das posibilidades tecnolóxicas, comunicativas e turísticas que abre para os nosos municipios, entre eles o de Ribeira, que é un dos concellos seleccionados no programa da Unión Europea. En virtude disto, a cidade contará en breve cunha ducia de puntos de conexión Wi-Fi gratuítos para o desfrute da veciñanza e dos visitantes.

A iniciativa foi presentada nos seus detalles pola concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro Rego, quen explicou que a maiores da activación dos doce puntos de acceso no centro urbano contémplase unha segunda fase coa idea de levar a Wi-Fi de balde ás parroquias, unha vez saia a concurso a nova Estratexia Dixital do Concello.

Tocante a esta primeira fase, Ana Barreiro engadiu que en breve sairá a licitación o correspondente prego (que prevé un investimento duns 30.000 euros derivados do subministro, instalación e posta en servizo da rede sen fíos necesaria) logo de que fora asinado o oportuno convenio entre o Concello de Ribeira e a Axencia Executiva de Innovación e Redes (INES) da Comisión Europea.

Seis interiores e seis exteriores

Segundo fixo saber a edil, o criterio atendido na selección das localizacións de cada punto de acceso foi “o de alcanzar o maior número de xente”, elixindo enclaves que fosen céntricos para satisfacer as necesidades tanto da cidadanía como dos usuarios de certas instalacións municipais. Neste senso, dos doce puntos de acceso seis serán interiores e seis exteriores, ademais de colocarse un controlador.

Os emprazamentos elixidos son os seguintes:

1. Praza do Concello

2. Área da Oficina de Atención Cidadá (Casa do Concello)

3. Interior do Mercado Municipal

4. Centro Cultural Lustres Rivas

5. Biblioteca Municipal

6. Exterior da Oficina de Turismo situada no porto

7. Parque merendeiro situado xunto á UAD

8. Praia de Coroso (entorno da UAD)

9. Complexo Polideportivo da Fieiteira

10. Conservatorio Enrique Paisal

11. Praza do Centenario

12. Entorno da nova estación de autobuses.

A edil manifestou que calcula que en aproximadamente tres meses os puntos sen fíos poderán estar en marcha e terán un caudal mínimo de 30 Mbps. O período mínimo de duración de WiFi4EU son tres anos (ata o segundo semestre do 2024).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...