Lanzamento de Emprego Ambar

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional presentou hoxe o seu Servizo de
Orientación Laboral e o espazo de emprego inclusivo dentro da web da entidade “Emprego
Ambar”, dirixido a empresas e particulares, que ten como obxectivo mellorar a
empregabilidade e fomentar a igualdade de oportunidades no acceso ó emprego das
persoas con diversidade funcional. Esta presentación enmárcase nas accións do 2 de abril, Día
Mundial da Concienciación sobre o Autismo e subscríbese ao lema “Podo aprender, podo
traballar.” Ambar é centro colaborador do Servizo Público de Emprego.
Durante a presentación, que foi en directo a través da conta de Instagram da entidade,
Daniel Tojo, orientador laboral de Ambar expuxo en que consistía o servizo e a quen vai
dirixido: “É un servizo de información, orientación e asesoramento para persoas con
diversidade funcional demandantes de emprego. Non é o mesmo estar buscando emprego
con 20 anos que con 40, con ou sen formación, tendo experiencia profesional ou non. Aquí
ofrecemos atención especializada individual, baseándonos nas habilidades profesionais de
cada persoa”.
“Este servizo vai dirixido ás persoas con diversidade funcional da comarca do Barbanza
inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego. Unha vez se
cumpran estes requisitos a persoa só tería que contactar con Ambar para concertar unha cita
previa”
Ademais destacou o servizo que se ofrece ás empresas cu novo enfoque “Ver a diversidade
como unha fonte de talento onde atopar novos traballadores gañando ademais un valor
engadido. Información sobre axudas e subvencións que me podo acoller como empresa,
orientación sobre modelos de contratación, asesoramento na busca de persoas
candidatas(…)”.
Para rematar pechou a presentación falando de Emprego Ambar o espazo dentro da web de
Ambar sobre emprego inclusivo “Neste espazo, podes atopar desde información sobre os
principais recursos de busca de emprego da comarca, como información sobre as medidas
estatais para contratación de persoas con diversidade, ademais temos diferentes artigos de
interese sobre accesibilidade, adaptación de postos, consellos para ser unha empresas máis
inclusiva”.

Ambar e o Emprego inclusivo
A Asociación Ambar leva máis de 10 anos traballando pola inclusión laboral das persoas con
diversidade funcional. Inicialmente incidiuse na formación de competencias para o emprego
pero co tempo detectouse a necesidade de traballar na procura dun emprego inclusivo a
través dun nexo real coas empresas ordinarias. Xurdiu así o programa iWork, cofinanciado pola
Xunta, e que desenvolvemos con empresas da comarca para a creación dunha cultura
inclusiva, a accesibilidade universal e procesos de selección máis accesibles.
Na actualidade, Ambar pon en marcha en colaboración co Servizo Público de Emprego o seu
Servizo de Orientación Laboral, o cal ten en conta as necesidades específicas e de
empregabilidade das persoas con diversidade funcional.

Máis información en:
• https://asociacionambar.org/emprego-ambar
• empregoinclusivo@asociacionambar.org
• 981 874 480

Sobre a identidade e nova imaxe de Ambar.
Dende 2019 Ambar deixan de ser siglas, e de escribirse en maiúsculas, e convértese en nome
propio, gracias á labor realizada nos case 40 anos de andadura en prol da inclusión social das
persoas con diversidade funcional. Tampouco leva til.
O novo logo reflexa a misión, visión e valores dos que se nutre a asociación: diversidade,
independencia, autonomía, inclusión e igualdade de oportunidades para lograr unha
comunidade máis equitativa e inclusiva onde as contribucións das persoas con diversidade
sexan valoradas e os seus dereitos respectados.