Javi Maneiro presenta en streaming, o 20 de marzo, o seu novo álbum

O artista Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973), vocalista de Os Heredeiros da Crus, presenta o seu disco en solitario Palabras de un desconocido nun emotivo evento que se retransmitirá por streaming o 20 de marzo polas redes sociais do Náutico de San Vicente.

Este título do novo traballo de Maneiro, rodado entre o Barbanza e Oporto, darase a coñecer cun formato novidoso e único: un vídeo-álbum. Deste xeito o evento permitirá coñecer profundamente ao autor, a través dunha pequena entrevista, así como escoitar unha mostra en directo dos seus temas, para finalizar coa emisión a través das redes sociais.

Palabras de un desconocido narra en primeira persoa o proceso da súa catarse, aquela que fixo que se enfrontase a seus medos máis profundos e manter un cara a cara co seu alter ego, chegando á conclusión de que se necesita baixar ao máis fondo para sacar o mellor de cada un.

Así, o terceiro traballo en solitario do artista do Conchido (A Pobra) adáptase á nova normalidade e preséntase como unha alternativa ante a incerteza constante respecto a viabilidade da súa celebración en aberto para o público. O novo álbum será retransmitido o próximo 20 de marzo ás 22:00 horas a través das redes sociais do Náutico de San Vicente.