Inaugurada no adro da igrexa de Ribeira a mostra de Lesmes Fotógrafos sobre a celebración local da Semana Santa

25 Marzo 2021

Este 25 de marzo inaugurouse no adro da igrexa de Santa Uxía unha destacada exposición fotográfica do histórico estudio local Lesmes Fotógrafos adicada á Semana Santa. A mostra, organizada polo Concello en colaboración coa parroquia de Santa Uxía, leva por título Fe, Arte, Contemplación. O acto contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz, do párroco Alfonso Mera, da concelleira de Cultura María Sampedro e de Manuel Iglesias no nome de Lesmes Fotógrafos, responsábel das vinte instantáneas que comprenden a iniciativa (tamén estivo a súa irmá Flora Iglesias).

Entre os asistentes figuraban concelleiros de distintos grupos da Corporación, así como representantes da igrexa na comarca, membros de organizacións benéficas e club de xubilados e veciñas e veciños que se achegaron atraídos polo impactante das imaxes, un coidado percorrido fotográfico polo profundo significado que ten a celebración da Semana Santa en Ribeira, visto a través das persoas da localidade que se implican nela e a viven.

Manuel Ruiz declarou que a Semana Santa non só é unha celebración relixiosa senón tamén “arte e cultura” e “con esta perspectiva se quixo organizar esta exposición na que podemos contemplar os actos e ritos que a compoñen a través dos ollos da familia Lesmes”, dos que repasou a súa multipremiada traxectoria: un currículo no que tamén fixo fincapé María Sampedro lembrando que este ano optan a galardóns tan prestixiosos como os Premios Goya ou o certame organizado pola Federación Europea de Fotografía.

Alfonso Mera subliñou que a través das distintas capturas faise un percorrido polo triduo pascual, principiando polo Domingo de Ramos e concluíndo na Resurrección. O cura párroco loou as fotografías de Lesmes Fotógrafos pois “a súa mirada axúdanos a ir máis alá, a ver cousas que moitas veces non vemos”.

Pola súa parte, Manuel Iglesias manifestou que a súa intención foi transmitir unha “imaxe próxima” e expresou o seu desexo de que “a xente se acostume a visitar exposicións desta índole”.

A mostra consta dunha selección de vinte obras tomadas no 2019 de gran formato dispostas en cinco estruturas modulares con dimensións de dous metros por dous metros.

A maior parte delas son en branco e negro e están acompañadas de textos alusivos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.