
Esta semana as mariscadoras e mariscadores da Confraría San Bartolomé de Noia deron un novo e importante paso en materia de concienciación ambiental. Fixérono a pé de praia e cos apeiros de traballar, a través da sétima edición da limpeza da ría de Muros e Noia.
O Concello agradeceu o relevante labor que desenvolve regularmente o colectivo, un traballo que pon de manifesto a importancia de protexer o medio mariño, non só como tesouro ambiental de incalculábel valor, senón tamén como fonte de recursos para milleiros de familias da nosa terra.
A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Martín Fdez Godón, colaborou coa tramitación da retirada dos residuos.