SumaRibeira solicita a creación dun Observatorio Municipal da Vivenda para avanzar no acceso a un fogar de toda a cidadanía

Urbanización abandonada na contorna da Mamoa, no concello de Ribeira

O grupo SumaRibeira vén de presentar unha cuestión para ser tratada no pleno da Corporación relativa ao dereito universal á vivenda e a posíbeis iniciativas que se poden levar a cabo no concello para avanzar neste ámbito social. “Somos coñecedores de que para moitas persoas con poucos recursos ou baixo poder adquisitivo supón un verdadeiro drama poder encontrar unha vivenda cunha renda axeitada á súa economía ou nunhas condicións idóneas de habitabilidade”, explica o grupo que coordina Xurxo Ferrón, engadindo que o dito feito é especialmente estensíbel a persoas migrantes, minorías étnicas, desempregadas ou mocidade.

A agrupación considera que “sería fundamental elaborar un Plan Municipal de Vivenda, para o que pensamos que poderían servir de axuda a creación dun Observatorio Municipal de Vivenda”. Este observatorio tería, en palabras da plataforma cidadá, as seguintes funcións (entre outras):

-Proporcionar datos sobre o número de vivendas en réxime de alugueiro do concello e a súa situación de habitabilidade, tanto no que a uns mínimos de confort da edificación se refire como como ao espazo dispoñible por convivinte.

-Subministrar información sobre as vivendas de ocupación vacacional e baleiras o resto do ano e sobre a situación de habitabilidade das mesmas.

-Achegar cifras sobre as vivendas habitadas en réxime de propiedade que non acadan uns mínimos desexábeis de confort.

-Fornecer de información sobre vivendas públicas.

-Proporcionar datos sobre vivendas que levan un tempo determinado sen rematar e con poucas posibilidades de facelo a curto ou medio prazo

-Informar das posibilidades legais, dentro das competencias do concello e de outras administracións, para incentivar o alugueiro de vivendas baleiras.

-Subministrar datos sobre as posibilidades legais, dentro das competencias do concello para facilitar o acceso ao alugueiro dunha vivenda digna as persoas en situación de vulnerabilidade.

Acordos a propoñer

Tendo en conta o devandito, SumaRibeira pide que o Goberno municipal proceda á creación dun Observatorio Municipal da Vivenda, que terá entre os seus obxectivos a realización dunha análise cuantitativa da situación actual da vivenda no concello, detectar persoas en situación de risco habitacional e procura de solucións á precariedade, e elaborar propostas de actuación municipal que faciliten o exercicio do dereito a unha vivenda digna. Igualmente, demandarase dende o observatorio a colaboración de outras administracións para esta mesma finalidade.

SumaRibeira tamén solicita que ao abeiro do Plan Reactiva Ribeira establecerase unha liña de axudas dirixida as persoas afectadas por grave dificultade habitacional ocasionada pola crise económica provocada pola pandemia.