O PBBI solicita o arranxo de urxencia da nave de redeiros do peirao de Aguiño

O Partido Barbanza Independente (PBBI), a través do concelleiro Vicente Mariño de Bricio, presentou para ser tratada no pleno da Corporación unha moción relativa ao estado no que se atopa a cuberta da nave dos redeiros do peirao de Aguiño, que a agrupación cualifica de “alarmante”, xa que presenta, entre outras eivas, importantes humidades e filtracións de augas.

Na súa moción, o PBBI pon o foco nos importantes problemas que afectan sobre todo á fachada sur do edificio, “chea de humidade”, o que se traduce “en que as condicións para os traballadores sexan totalmente insalubres”.

Nese mesma contorna portuaria, a agrupación fai saber que “a iluminación existente ao redor da referida nave e na súa contorna non funciona e os postes do mesmo corren un elevado risco de caída debido ao seu lamentable estado de conservación”.

O PBBI reflicte no seu comunicado reclamacións de varios sectores vencellados ao mar, que lle trasladaron ao partido a súa inquietude polo estado no que se atopan os ferros do tellado, que ten unha antigüidade dun terzo de século, pois foi instalado en xullo de 1996, tempo durante o cal “apenas se acometeron arranxos”, sinala a agrupación, que critica o desleixo por parte de Portos de Galicia, cousa que “obrigou aos armadores a amañar pola súa conta os canlóns do devandito tellado, logrando evitar algunha das filtracións de auga”.

O PBBI tamén se fai eco das queixas das Confrarías de Pescadores de Carreira e Aguiño, que solicitaron, a través do seu patrón maior e ante o referido ente autonómico portuario, que se acometan diferentes arranxos, “pero até agora só recibiu a calada por resposta”.

En virtude de todo o exposto, o grupo municipal do Partido Barbanza Independente (PBBI) insta o pleno da Corporación municipal de Ribeira á adopción dos seguintes acordos:

· Que por parte do Concello se inste a Portos de Galicia a dar “unha solución definitiva e eficaz á situación na que se atopa a nave dos redeiros de Aguiño”, principalmente a cuberta e as paredes, así como reparar a iluminación do recinto portuario, “que non funciona e provoca unha situación de risco e inseguridade nese recinto e os seus arredores”.