A Pobra celebrará o Día de Rosalía de Castro cun xogo-concurso e cunha ofrenda floral

23 Febreiro 2021

O Concello da Pobra vén de sumarse ás celebracións do Día de Rosalía de Castro, que se conmemora este 24 de febreiro co fin de reivindicar o vixente legado da poeta de Padrón, en palabras do Concello “un dos máximos expoñentes da nosa idiosincrasia”. En concreto, o Executivo pobrense vai conmemorar a dita data cun xogo-concurso para a rapazada. Tamén haberá un acto institucional e unha ofrenda floral, respectando ao máximo as medidas anti-COVID.

O programa foi dado a coñecer este venres 19 de febreiro pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), quen sinalou que “é preciso continuar co labor divulgativo de Rosalía”, unha escritora que “é un luxo para as nosas letras”.

Segundo anunciou, unha das actividades desenvolverase o día 24 ás 13.00 horas, “respectando as medidas sanitarias adoptadas pola situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 e tras realiza-las consultas pertinentes á Administración autonómica”. Consistirá no tradicional acto institucional que incluirá unha lectura pública e unha ofrenda floral e que se vai levar a cabo na praza pobrense que leva o nome da inmortal escritora galega.

Así mesmo, Cultura impulsa este ano unha iniciativa innovadora: a proposta As sete Rosalías. Trátase dun xogo-concurso dirixido ás crianzas para lles achegar Rosalía de xeito didáctico e cun compoñente lúdico.

Máis polo miúdo, a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, explicou que xa o título desta iniciativa pretende dar traslado da mensaxe de que “Rosalía é unha muller polifacética, pois é a escritora, a nai, a loitadora, a reivindicadora”. A dita actividade consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro da intelectual acompañado de versos seus. Estas pezas expóñense nos escaparates de diversos establecementos locais da Pobra dende o día 22 ata o 28 de febreiro. O desafío reside en buscar nos escaparates dos locais do municipio as 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel deste ano, xa que non todas son iguais.

Poden participar no concurso todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.

Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. De lograren superar o reto, deben entregar os impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.

No 2 de marzo realizarase un sorteo entre tódolos cativos e cativas que acertaran o desafío, e efectuarase o reparto dun total de 25 premios consistentes nunha botella térmica e uns auriculares sen fíos.

Finalmente, a concelleira expresou o seu agradecemento aos establecementos que toman parte deste xogo-concurso e animou os pequenos e pequenas da casa a participar, respectando as medidas establecidas por mor do coronavirus.

A edil engadiu que unhas actividades pensadas co obxectivo de que Rosalía de Castro “estea presente en tódalas casas e traballándose especialmente coas nenas e cos nenos, pois son eles quen lle seguirán dando voz”.

Outros artigos

Noia acolle o luns un obradoiro-contacontos en lingua de signos

A vindeira semana celebrarase en Noia un contacontos e obradoiro en lingua de signos para nenos e nenas. O luns 15 de xuño, ás 17:30 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura Avilés de Taramancos será o escenario de Mans que contan, Mans que cantan, unha actividade...

+

Ribasieira celebra os días 13 e 14 de xuño as Festas de San Antonio

O vindeiro mes de xuño vanse celebrar na parroquia de Ribasieira (en Porto do Son) os Festexos de San Antonio, os días 13 e 14 e xuño, coa Casa da Cultura como eixe de actividades. Na primeira das xornadas haberá ruta cabalar con degustación de carne ao caldeiro e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...