SumaRibeira propón aumentar a transparencia nos gastos menores do Concello e nas asignacións aos grupos políticos

Xurxo Ferrón, voceiro de SumaRibeira

SumaRibeira presentou unha proposta para ser debatida no pleno do día 25 relativa ao “control e redución de gastos menores” e “á regulamentación das asignacións aos grupos políticos municipais”. Respecto destes puntos a tratar, a agrupación explica o seu contido deste xeito:

1.-Control financeiro de gastos menores

Recóllese neste apartado o traballo de Intervención que se centrou na Detección dos posibles fraccionamentos ao obxecto de eludir as limitacións da normativa de contratación, analizándose o posible fraccionamento por terceiro; entre diferentes provedores e existencia de fraccionamento plurianual. SumaRibeira sinala que se deu conta de que no 2019 houbo 26 “contratos potencialmente susceptíbeis de indebida carencia de licitación”, que pertencerían aos seguintes capítulos de subministro de combustíbeis para os vehículos municipais, subministro de material de obras, servizo de imprenta, servizo de telefonía e conexión á rede e servizo de asistencia técnica e subministro de material de son. A agrupación explica que “segundo os nosos cálculos estes contratos sumados acadarían aproximadamente uns 355.000€”.

2.- Control financeiro das asignacións aos grupos políticos municipais

SumaRibeira reflicte que nos informes de Intervención faise saber que “a xustificación presentada polos grupos municipais estimase suficiente”, pero tamén se estima que “para facilitar a fiscalización da documentación presentada polos grupos políticos sería desexábel que tamén se presentase un libro de rexistro cos ingresos recibidos do Concello e os pagos realizados con cargo a ditos ingresos e as facturas, recibos e os seus respectivos xustificantes de pago que sirvan de soporte xustificativo dos gastos realizados debidamente relacionados” .

Á vista do exposto SumaRibeira propón que se adopten os seguintes acordos:

-Que por parte do equipo de Goberno se tomen as medidas oportunas para reducir en todo o posíbel os gastos menores de 15.000€, procedendo á agrupación dos pertencentes ao mesmo concepto para a licitación dos mesmos.

-Que nos informes previos á aprobación tanto dos orzamentos como das contas xerais anuais sexa facilitada, cando menos cunha semana de antelación, a previsión ou avaliación do sumatorio de gastos menores susceptíbeis de ser agrupados, xunto coas cifras correspondentes aos dous anos anteriores, para así facilitar a avaliación da evolución deste capítulo.

-Que para posibilitar e facilitar o labor fiscalizador da Intervención sobre as asignacións percibidas polos grupos políticos municipais, estes presenten anualmente un libro rexistro cos ingresos recibidos do Concello e os pagos realizados con cargo a ditos ingresos, e as facturas, recibos e os seus respectivos xustificantes de pago que sirvan de soporte xustificativo dos gastos realizados debidamente relacionados.

-Que sexan reguladas as sancións que carrexarían a falla de presentación ou as incorreccións na presentación requirida.

-Que ao rematar o mandato popular para o que foron elixidos as concelleiras e concelleiros todos os fondos percibidos polos grupos políticos para o desenvolvemento da súa actividade política municipal non debidamente xustificados sexan reintegrados ao Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía que coas súas achegas, directas e indirectas, contribuíron á xeración dos fondos asignados para facilitar o exercicio das súas funcións políticas.