As Súas Maxestades de Oriente percorrerán as parroquias da Pobra e estarán tamén dispoñíbeis na Rede

Os Reis Magos estarán este martes 5 de xaneiro na Pobra do Caramiñal, levando ilusión á rapazada ao tempo que manteñen a súa seguridade sanitaria, por exemplo interactuando coas nenas e nenos a través de vídeo-conferencia ou contando coa colaboración da Policía Local e Protección Civil para evitar aglomeracións durante o seu percorrido polas parroquias. Ofrecerán a opción de seguir o itinerario a través do Facebook de Concello, en directo por tecnoloxía streaming.

Segundo confirmou o Concello, un total de 244 nenas e nenos están inscritos para as vídeo-chamadas coas súas maxestades os Reis do Oriente, as cales terán lugar no 5 de xaneiro.

Así mesmo, o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), anuncia que os cativos e cativas pobrenses terán a oportunidade de ver a Melchor, Gaspar e Baltasar pasando polo municipio, pois chegarán a tódalas parroquias.

O itinerario previsto é o que segue: O Campiño, Cercias, O Arcebispo, A Lombiña, O Alto do Maño, igrexa do Maño, Vilariño, A Carballeira da Silva, O Castro, A Pontenaveira, A Mirandela, Xunqueiras, rúa Venecia, A Figueira, O Camiño Ancho, A Tomada, Lesón, As Pedriñas, A Granxa, Rosamonde, O Rego, Tarrío, San Lázaro, A Poza de Moraña, As Pontes, A Crocha, A Ponte Barbanza, As Romeiras, Santa Cruz, Roupión, A Banda, O Sanguilexo, Santo Isidro, O Pumadiño, Os Casás, Vilariño, Ouxo, escola do Campo, A Ribeiriña, A Angustia, A Lomba, San Lázaro e centro urbano.

A saída está programada para as 15.30 e o remate para as 19.30 horas, aproximadamente. Establécense distintos tramos. No transcurso do percorrido contarase coa colaboración da Policía local e da Protección Civil.

Ademais, a ruta poderase seguir por streaming a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, así como coñecer o lugar no cal se atopan os Reis

Toda a información, xunto cos mapas, estará dispoñíbel na páxina web www.apobra.gal.