Máis controis da Policía Autonómica en Boiro e Rianxo

policia

A fin de semana que vimos de deixar atrás foi unha finde de moita actividade policial en materia de loita anti-COVID. Só a Policía Autonómica levou a cabo 112 dispositivos en 44 concellos de toda a xeografía galega, 37 dos cales leváronse a cabo na Coruña, poñendo o foco en municipios da nosa comarca, como Boiro e Rianxo, e tamén noutros como Arteixo, Betanzos, Cambre, Coirós, A Coruña, Culleredo, A Laracha e Val do Dubra. En total, identificáronse 164 persoas e fixéronse 35 denuncias.

Foron actuacións inseridas no plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola COVID-19, a través das que foron tramitadas, en total, un total de 38 denuncias.

Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á pandeia, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.