Dende Taragoña, Autoxuga simplifica cunha ferramenta a dixitalización dos talleres

A empresa rianxeira Autoxuga, con sede en Taragoña e centrada no desenvolvemento de ferramentas informáticas avanzadas para o ámbito do automóbil, comezou o ano presentando novos e interesantes recursos para facer máis doado o día a día dos empresarios do sector e, tamén dos usuarios dos seus servizos. En concreto, presentounos o seu programa informático de dixitalización, que permite ao responsábel dun negocio ver a produtividade consultar e verificar a produtividade e a rendibilidade da súa empresa no seu teléfono móbil e no computador conectado a Internet. E todo coa vantaxe de poder facelo dende calquera recanto do mundo.

A maiores, os seus clientes poden ver o historial de reparacións do seu automóbil con só introducir a matrícula e o seu NIF.

Unha vez máis, unha das grandes vantaxes da ferramenta de Autoxuga é a comodidade que pon en xogo: o programa non necesita que o taller realice ningunha función extra, xa que recolle os datos das facturas, dixitalízaos e móstrallos ao empresario, amais de informar ao cliente do historial de arranxos.

Os responsábeis de Autoxuga comentan que para dispor da información devandita, o cliente só ten que instalar no seu teléfono móbil a aplicación gratuíta da empresa de Taragoña, polo que terá que acudir á web de Autoxuga e premer en Historial Coches.