Ribeira fortalece as medidas anti-COVID nas instalacións municipais e pecha pistas e parques infantís

A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Ribeira acordou este luns reforzar as medidas de control e seguridade adoptadas dende hai un mes, logo “de que nos últimos días se advertise unha maior incidencia de contaxios no municipio e en concellos veciños”. Así, o Grupo de Apoio e Emerxencias Municipais (GAEM) e Protección Civil están a proceder xa a pechar parques infantís e biosaudábeis e pistas deportivas ao aire libre. Ademais, colocarán cabinas de control de temperatura coma á existente no Consistorio tanto na entrada do Conservatorio como no Complexo da Fieiteira.

Tamén se acordou que a Policía Local redobre os controis na observancia da normativa anti-COVID, especialmente en establecementos de hostalería en canto ao uso de máscaras, control de aforos, prohibición de fumar, etc…

Ademais, en colaboración coa Policía Nacional efectuaranse controis de mobilidade nas estradas.

En canto as actividades que teñen lugar en instalacións municipais, por áreas, decidiuse o seguinte:

• Fieiteira: redúcense os aforos nas clases de cardio e fitness.

• Centro de Raqueta de Coroso: emprego obrigatorio de máscara e rebaixa da ocupación das pistas de pádel mediante o uso rotatorio das mesmas.

• Adestramento dos clubs en instalacións municipais: nomearase un vixilante COVID por cada club que vele polo cumprimento dos protocolos; redúcense frecuencia e duración das sesións; a máscara é obrigatoria.

• Non se dará entrada a ningunha nova solicitude de celebración de actividades deportivas durante o período de Nadal.

Servizos Sociais

• Limitación a unha única clase semanal e cun máximo de cinco persoas na celebración de obradoiros de dinamización para persoas maiores, priorizando a realización de tarefas no fogar con contacto telemático.

Cultura

• Suspensión alomenos durante a semana en curso das actividades de Nadal que impliquen elevadas concentracións de persoas en interior. O concerto benéfico a favor de Cáritas xa anunciado só se retransmitirá por streaming eliminando o aforo presencial de 60 persoas no Auditorio.

• As asociacións que realizan actividades en centros sociais e casas de cultura de competencia municipal nomearán unha persoa encargada do cumprimento de normas COVID. O aforo non poderá ser superior ás cinco persoas.

Formación

• Aprázanse a xaneiro as clases para o sector hostaleiro Cociña nos fogóns de Ribeira que estaban programadas para o mes de decembro.