Medio cento de persoas participaron esta sábado en Lousame na Andaina solidaria con ASGPOH, das 108 inscritas

26 Decembro 2020

Mañá domingo terá lugar o IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo
de San Mameda”, coas 400 prazas cubertas.

Algo máis de medio cento de persoas desafiaron ao frío, con temperaturas de entre 0 e 3 grados, e tomaron parte esta mañá na cuarta edición da Andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que o Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte convocan cada ano canda o Trail San Silvestre de Lousame.
Unha andaina que este ano estivo moi condicionada pola Covid-19. Tal é así que adiantou o seu tradicional día de celebración para non coincidir co Trail e evitar aglomeracións de xente, pois en edicións anteriores trail e andaina chegaron a xuntar a máis de oitocentas persoas en Lousame. Desta ocasión convocáronse 300 prazas, das que se cubriron 108. Así mesmo, os
peches perimetrais pola Covid-19 decretados nos últimos días tamén impediron que, por exemplo, as persoas inscritas de vilas como Santiago puideran asistir á Andaina se non tiñan unha licenza federativa. Unha situación que tamén se repetirá mañá domingo no Trail, polo que a organización fixo uso das persoas que estaban na lista de agarda para cubrir esas baixas, ás que se lles enviou igualmente o kit de atleta.
Os algo máis de medio cento de persoas que participaron esta mañá na Andaina tiveron que pasar primeiro un control de seguridade, onde se lles tomou a temperatura e se desinfectaron calzado e mans, antes de recibiren unha bolsa preparada co avituallamento (froita e unha botella de auga). Así mesmo, a saída organizouse en pequenos grupos, separados por un medio minuto, e as persoas participantes tiveron que levar a máscara durante todo o tempo.
O tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez, e o concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, foron os encargados de dar a saída, ao tempo que desexaban aos participantes que desfrutaran das paisaxes que ían atopar ao longo dos 14 km do percorrido, como poden ser a área recreativa de Brandia, os muíños e papeleiras da zona ou as paisaxes do río Vilacoba.
Un percorrido que remataba de volta no polideportivo, onde non houbo acto de entrega do cheque cos cartos recadados á ASGPOH. Así mesmo, agradeceron a colaboración do voluntariado lousamiá, que entre as probas de hoxe e mañá domingo mobilizará a setenta persoas.

Pequetrail
Esta tarde terá lugar en San Lourenzo o Pequetrail, que na súa segunda edición conta con 61 nenos e nenas inscritos: 25 da categoría benxamín, 27 da alevín-infantil e 9 da cadete- xuvenil. A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, será a encargada de dar a saída a unhas probas que terán lugar a partir das 16:15 horas de hoxe sábado no espazo natural de San Lourenzo. No Pequetrail non haberá trofeos, senón que toda a rapazada recibirá medalla e un bolsa cun agasallo que se lles entregará ao final de cada proba.

Trail
Mañá domingo 27 de decembro terá lugar o IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que agarda contar con 400 participantes. As 200 persoas participantes no trail longo sairán ás 10:00 horas do espazo natural de San Lourenzo para cubrir 25 km cun nivel
de dificultade é medio e conta cun desnivel aproximado de 1.000 metros, tanto positivo como negativo, así como 2.000 metros de desnivel acumulado. Os 200 participantes do trail curto, de 14 km, sairán ás 11:00 horas para afrontar un novo circuíto de dificultade media-baixa, cun desnivel de 500 metros, positivo e negativo, e 1.000 metros de desnivel acumulado.
Nas dúas probas, as saídas e entradas estarán moi protocolizadas e as medidas de control serán moi rigorosas. Así, haberá unha zona Covid na que se tomará a temperatura a todos os asistentes. Todos aqueles que teñan unha temperatura superior a 37º non poderán participar.
Asemade, os participantes deberán enviar unha declaración na que certifiquen non estar contaxiados por Covid-19 nin ter síntomas antes da proba.
A máscara será obrigatoria dende a saída ata un certo marxe, ao igual que a entrada. Durante o percorrido non será necesaria, pero sempre que se adiante a un corredor haberá que volver a poñela. A meta será desaloxada tras a chegada de cada corredor, que pasará a unha zona diferenciada, onde poderán recoller unha bolsa individual con bebida e froita. Non haberá desprazamentos colectivos en autobuses, nin servizo de garda roupa nin duchas.
A entrega de premios terá lugar no espazo natural de San Lourenzo ás 14:00 horas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina do trail longo e do trail curto. Así mesmo, haberá trofeos para o club con máis participantes e aos atletas máis veterano e veterana do evento. A entrega terá lugar segundo os protocolos Covid-19.
Esta cuarta edición da andaina solidaria e do trail San Silvestre de Lousame, a primeira que non ten lugar na contorna das minas de San Finx, está organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contan coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“¿Por qué no te callas?”. José Castro López

“¿Por qué no te callas?”. José Castro López

Los biógrafos de Manolete cuentan que una tarde descansaba en un salón del HotelPalace de Madrid acompañado de su mozo de espadas y como el diestro llevaba largotiempo callado, el asistente quiso romper el largo silencio y le dijo: “maestro, ¡qué biense está...