
O grupo do PSdG-PSOE en Noia vén de rexistrar para o seu tratamento no pleno ordinario de novembro unha moción destinada a impulsar campañas que acheguen a educación sexual e igualitaria á mocidade do termo municipal. Os socialistas consideran que “é fundamental para a xuventude o acceso a unha boa formación en educación sexual, evitando que as novas xeracións teñan que acudir a informarse a través das redes ou da pornografía, onde son abundantes os estereotipos machistas”.
A proposta dos socialistas é fomentar accións de sensibilización e divulgación para que as mozas e mozos poidan manter unhas relacións sexuais seguras e que en todo momento sexan consentidas, evitando situacións desagradábeis para calquera das partes.
O grupo ve necesario que estas campañas se leven a cabo nos institutos da vila, ademais das redes sociais, e que vaian encamiñadas tamén a informar no uso dos métodos anticonceptivos.
Os socialistas lembran que o vindeiro 1 de decembro conmemórase o Día Mundial da Loita contra o SIDA e indican que “as administracións deben utilizar estas datas para seguir a concienciar sobre a necesidade de utilizar o preservativo como método máis eficaz para evitar os contaxios desta doenza, e do resto de ETS”.
O voceiro Roberto Iglesias solicitará co aprobación desta moción que se leven a cabo repartos de preservativos entre a mocidade, e se dote o crédito necesario para levar a cabo esta acción dende o Concello.