O Concello de Ribeira premiará os gañadores dos concursos de Nadal con vales de compra no comercio local

O Concello de Ribeira deu a coñecer este luns 23 importantes novidades relativas aos concursos de Nadal impulsados para estimular a creatividade e o talento de escolares e cidadanía en xeral, certames que segundo informou a concelleira de Cultura, María Sampedro, tamén irán dirixidos a botar unha man ao tecido comercial ribeirense. De feito, dixo, os gañadores dos concursos recibirán vales de compra ou ben cartos en metálico dependendo do certame de que se trate. O obxectivo, engadiu, “é estimular o comercio e a hostalería local”, sectores moi prexudicados pola crise sanitaria e económica.

Así o anunciou a concelleira de Cultura, María Sampedro, no transcurso dunha presentación na que informou ademais de que xunto aos tradicionais certames de escaparatismo e de pintura e debuxo de Nadal súmase un novo concurso, destinado a distinguir a decoración de fachadas, balcóns e xardíns.

No que respecta ao concurso escolar de pintura e debuxo de Nadal fixo saber que hai “outra novidade”, consistente en que “o certame divídese en dúas modalidades de tal xeito que unha das obras gañadoras irá destinada a ilustrar o cartel da programación navideña municipal e a outra a postal coa que dende o Concello se felicitan as festas”. Así, engadiu, cada neno ou nena que resulte gañador (hai que recordar que a iniciativa está destinada a alumnado de infantil e primaria do municipio) recibirá vales de compra por valor de 120 euros para investir na hostalería e o comercio local.

No que se refire ao novo concurso de decoración de fachadas, balcóns ou xardíns de domicilios haberá tres premios de 300, 210, 120 euros en vales de compra. Segundo explicou a edil, aquelas persoas que desexen participar terán que ter a decoración colocada dende o 19 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos incluídos, e enviar as fotos e a ficha de participación do 13 ao 20 de decembro ao correo culturaefestexos@ribeira.gal e penduraranse na páxina de Facebook de Entérate Cultura e Festexos entre o día 21 e o 23 de decembro. Os premios serán os tres engalanamentos que teñan máis gústames a data 8 de xaneiro ás 10 horas xa que a xente poderá votar as decoracións ata ese día.

No concurso de escaparatismo e decoración da hostalería, posto en marcha en colaboración coa Concellería de Dinamización e Promoción Económica, no canto de recibir unha figura conmemorativa este ano decidiuse establecer tres premios por modalidade de 300, 200 e 100 euros, que serán entregados ao gañador directamente para premiar o seu esforzo en decorar os seus negocios e polo tanto contribuír ao engalamento do municipio durante o Nadal. Con este obxectivo, engadiu a concelleira, “as e os participantes teñen que ter decorados tamén os comercios e locais hostaleiros entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro e enviar a ficha de participación e unha ou varias imaxes da súa decoración ao correo turismo@ribeira.gal sendo colgadas no Facebook do 21 ao 23”. Deste xeito, poderán votarse con gústames ata o 8 de xaneiro as 10:00 h da mesma maneira que as modalidades anteriores, por parte da cidadanía agregada á páxina onde hai preto de 6.000 usuarios dados de alta.

Agasallos dos Reis Magos de Nadal

Noutra orde de cousas, a edil ribeirense anunciou que como os Reis Magos non van sortear “tres super-agasallos entre os nenos e nenas que vaian entregar as súas cartas ao Carteiro Real”, decidiuse “entregar rifas gratuítas a cada neno/a que vaia ver un espectáculo, actividade ou participar dun obradoiro durante a programación de Nadal”. Terán opción a un dos tres premios que se entregarán en combinación coas tres últimas cifras dos 1º, 2º e 3º premio da Lotería Nacional do Neno do 06/01/2021. Os tres premios serán de igual contía: consistirán en 120 € en 4 vales de compra de 30 euros.

Os bonos ou vales de compra poderán trocarse nos establecementos que de xeito voluntario se adhiran á campaña. Para facelo terán que enviar un mail a turismo@ribeira.gal antes das 13 horas do venres 18 de decembro cos seguintes datos: Nome comercial do establecemento e NIF/CIF con datos fiscais: enderezo do establecemento e IBAN da conta bancaria e nome e apelidos así como teléfono da persoa de contacto: propietario/encargado.

Por último, María Sampedro anunciou que este venres en torno ás 19 horas coincidindo co Black Fryday acenderase a iluminación de Nadal do centro urbano para contribuír igualmente a dinamizar o comercio e a hostalería local.