Lousame conmemora o 25-N con vídeos, fotografías e a lectura dun manifesto este mércores ás 13.00

25 Novembro 2020

Este mércores 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, vén ateigado de actividades nos nosos concellos para conmemorar a loita conta a lacra social das agresións contra as mulleres. En Lousame, a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, dará lectura ás 13.00 horas a un manifesto institucional diante da Casa Consistorial, fronte ao photocall de A árbore do bo trato, campaña de prevención da violencia contra as mulleres que está a desenvolver este ano o Concello de Lousame.

O acto non vén inclúe un chamamento á participación presencial da veciñanza, a diferenza doutros anos e co obxectivo de manter activas as medidas de seguridade anti-COVID. A lectura si que será difundida a través das redes sociais, que, por outra banda, están a constituír o piar fundamental da programación de actividades do 25-N do Concello (pola seguridade que poñen en xogo as redes e tamén por ser o acubillo onde se desenvolve boa parte das comunicacións da mocidade).

Na web municipal están dispoñíbeis os vídeos da campaña A árbore do bo trato, unhas sobreiras de Seoane que recollen preto de medio cento de mensaxes contra a violencia machista e a prol da igualdade de xénero enviadas na súa gran maioría polo alumnado do CPIP Cernadas de Castro pero tamén polos maiores dos obradoiros Activa-Mente, persoal municipal e veciños e veciñas de Lousame. Os audiovisuais e/ou fotografías poden seguirse enviando por WhatsApp (689 126 385) ou por wetransfer (nos@noscomunicacion.com). Ao final de semana estrearase un vídeo con todas as achegas realizadas. A árbore do bo trato é unha campaña de prevención da violencia de xénero organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. A campaña está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Igualdade.

Outras actividades

A maiores, dende o pasado mes de outubro o Concello de Lousame, en colaboración co CPIP Plurilingüe Cernadas de Castro, está a desenvolver o programa Lousame Coeduca, subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade. “Trátase dun programa de actividades de sensibilización dirixidas a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades, que fomenten a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e na escola, en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias”, explica a concelleira. De feito, a participación na campaña A árbore do bo trato figura entre as actividades que a rapazada do colexio realizará durante esta semana e a que vén.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión