“Esteban, Alejandro, Joe e Donald”. Jacobo Otero Moraña

10 Novembro 2020

Estiven a esperar uns días para escribir este artigo,e asegúrolles que non foi por  vagancia. A idea era deixar unha marxe razoable co fin de non meter a pata sobre o tema. Pero visto o visto, non queda outra que opinar de forma aberta aínda sabendo que o resultado final das eleccións que se acaban de celebra nos Estados Unidos vai decidir a Corte Suprema. Algún de vostedes pode pensar que semellante cuestión está fóra de lugar neste xornal. Pero antes de que se lancen abertamente a criticar, permitan que lles lembre un pequeno detalle: Hai un bo número de barbanceses residindo desde hai moitos anos na terra das “barras e estrelas”. Non é casualidade que entre aqueles que nos visitan, sexa no verán ou en calquera outra época en que poidan viaxar de “ volta  á  terriña”,fálennos de Central Park, a Quinta Avenida, o  Garden  State coa súa toponimia adaptada ( Nuarca/ Newark), ou se refiran a Florida acentuando a “ou” como fan os autóctonos. Mesmo hai un insulto moi común na zona que ten as súas raíces entre eses primeiros emigrantes que axudaron a enriquecer o noso xa ben variado arsenal de  epítetos ferintes:” bichicoma”.

Así que xa ven. Falar hoxe das eleccións norteamericanas tampouco é que sexa saírse pola tanxente.  Máxime, cando quen máis e quen menos neste mundo, e inclúo a aqueles que senten nula simpatía polo devandito país, non perden oportunidade de ver unha película ou serie filmada alí. Da mesma maneira (mal que pese), vestimos pantalóns texanos, bebemos refrescos de cola, comemos hamburguesas e ata pito á  Kentucky. Xa non entro en se está ben celebrar  Hallowen/ Samain, a semana do BlackFriday, ou se as luces de Vigo son mellores que as de Nova York (non me quero imaxinar o que pasaría se Abel chega a nacer do outro lado do charco, pero seguro que xa estarían a tallar a súa cabeza no Monte  Rushmore). E é que ser presidente dos Estados Unidos non é calquera cousa. O poder e influencia que atesouran como nación carece de equivalente con ningunha outra do panorama actual. Son o máis parecido a iso que no seu día representaron os emperadores romanos e máis adiante, aínda que noutro plano, os papas. De Roma e os seus inimigos, internos ou externos, se iso falamos outro día. En canto ao papado, hai historias moi interesantes e con certos paralelismos coa situación que estamos a vivir. Houbo un pontífice chamado Esteban VI, que decidiu  desenterrar a un dos seus antecesores, de nome Formoso, xulgando ao cadáver por supostas irregularidades que tiñan moito que ver con políticas mundanas e pouco ou nada co espiritual. Resultado: Formoso foi declarado culpable. Agora ben, se con iso Esteban esperaba obter a aprobación dos seus fregueses, acabou tan  ultraxado e defunto como o procesado. E é que por algo se di que aos mortos mellor deixalos descansar en paz, porque cando os sacas da tumba, poden traer consigo máis dunha maldición. De feito, ao bo de Formoso primeiro rehabilitárono e máis adiante tocoulle volver ao xulgado da man do papa Sergio III, quen polo visto, era amigo de Esteban. Imos, que sentou máis veces no banco que o Lute, sen roubar nin unha galiña. Agora fálase de que nestas eleccións votaron ata os mortos, e acúsase ao presidente electo  Biden, de manipular os resultados. Eu non poño nin quito rei. Serán os tribunais quen decidan se houbo fraude ou non. En breve saberemos se alguén  desenterrou ata a Daniel  Boone para que emitise o seu voto a favor do candidato Demócrata.
En canto a  Trump, tamén ten o seu equivalente noutro Papa. Se os anteriores a quen me refería sentaron no trono de Pedro nos séculos IX e X, agora debemos irnos a finais do  XV e inicios do  XVI. Alejandro VI, cuxo nome real era Rodrigo  Borjay non  Borgia (valenciano de  Játiva). Un tipo listo, que se aproveitou do éxito do seu tío, o papa Calixto III, para ascender na  curia e alcanzar o poder supremo. A súa condición de relixioso non lle impediu ter catro fillos, dos cales César e Lucrecia foron os máis famosos. Un auténtico  amoral que se comportou como un tirano, pero que aínda así, favoreceu aos artistas e estivo a piques de alcanzar un poder terreal que sumado ao divino convertéronno na figura máis poderosa do seu tempo. Ao final, tanta ambición acaboulle pasando factura, e o seu rápido ascenso tivo un final non menos precipitado, aínda que de lograr os seus propósitos, Italia teríase aforrado catro séculos para conseguir a súa unificación… Sóalles?. Como ven, a Historia non fai outra cousa que virar en círculos concéntricos onde aínda cambiando os nomes, repítense situacións moi similares. Aínda así, ignoro como acabará esta trama, pero sospeito que máis dun guionista xa se está fregando as mans para un proxecto que filmar. O titulo, un tanto  almodovariano, podería diferir moi pouco do deste artigo. Mellor aínda: Vaia par de “ bichicomas”.

Outros artigos

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

+

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.