Adxudicadas as obras de pavimentado e renovación de pluviais en Outeiro, Carreira

O Concello de Ribeira adxudicou provisionalmente unha nova actuación na parroquia de Carreira, consistente na renovación de servizos e no pavimentado do lugar de Outeiro. O obxectivo é emendar os problemas que poden carrexar as instalacións actuais para a recollida de augas e pluviais, que son antigos e rexistran avarías, segundo constatou o Concello, engadindo que o labor de pavimentado débese a que o firme actual se atopa en mal estado e dificulta o tránsito peonil e o rodado.

Coa finalidade de solucionar estas eivas, os servizos do Concello redactaron un proxecto técnico que inclúe a demolición dos pavimentos existentes na área de actuación e executaranse as seguintes accións:

• Instalacións de pluviais: disporase polo centro da rúa un colector de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e construiranse arquetas sumidoiro e pozos de rexistro de formigón prefabricado, ademais de proceder á acometida de pluviais das vivendas existentes.

• Instalación de saneamento: disporase polo centro da rúa un colector de PVC liso de 315 milímetros e construiranse pozos de rexistro.

Polo que respecta á pavimentacións, vaise empregar un pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor, intercalado con lastras de formigón recto de dimensións de 20x15x8 centímetros.

A empresa que obtivo unha mellor clasificación entre as 27 ofertas presentadas foi Construccións Fermín Simal, S.L., cunha proposta de 53.214 euros, IVE incluído. O investimento forma parte do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2019. O prazo de execución son tres meses.