“A saúde é un dereito, non un negocio”. Celia García Pillado

12 Novembro 2020

Dende a soidade do meu cuarto, no confinamento particular que me toca vivir, condenada por un delito que non fun consciente de cometer pero condenada ao fin e ao cabo, e dende o medo e a incerteza de non saber o que me pode pasar, que secuelas me poden quedar… quero facer varias reflexións, dende a mirada de quen sufre a enfermidade e non dende un despacho onde se toman decisións que ao meu entender son algunhas veces erróneas.
Partindo da base de que a Sanidade é un dereito universal, non podo entender certas decisións dos nosos gobernantes, que teñen nas súas mans as nosas vidas, non so as das enfermas e enfermos por Covid, tamén as das nosas familias: pais, nais, fillas, fillos, netas, amigas, veciñas… Pode soar forte, pero é o que sinto neste momento, e vou tratar de resumir un pouco a miña experiencia:
O mércores, día 4 de novembro, unha persoa coa que estivera en contacto o sábado día 31 de outubro, avisoume de que dera positivo Covid e que polo tanto informou das persoas que estiveran en contacto con ela. Decidín confinarme á espera de que dende os servizos sanitarios contactaran conmigo, cousa que ocorreu 24 horas despois para informarme de que tiña que facer unha PCR. Déronme cita para o mesmo día, no Hospital da Barbanza.
A mañá seguinte se me comunica que son positiva. No primeiro momento foi un impacto, pero tratei de ser o mais racional posible, ante o que me tocaba vivir. Sigo o protocolo que me indican e dou os nomes de todas as persoas coas que estiven en contacto, entendo que para facerlles a PCR correspondente. Cal é a miña sorpresa cando me entero de que unicamente contactan cos meu familiares directos, non así co resto das persoas coas que tivera contacto. Eu avisei a estas persoas e dado que non as chamaron, tiveron que facer a proba pola súa conta, pagando o importe correspondente, cousa pola que me sento moi indignada.
Os meus familiares dan todos negativo, afortunadamente, e se lles informa de que en dez días lles chamarán para repetir a PCR. No seu caso todo correcto.
O meu seguimento é diario dende o meu Centro de Saúde, chámame unha enfermeira case todos os días para preguntar pola miña evolución, pola miña temperatura e saturación de osíxeno, para o que me prestaran o aparello. Cando levo unha semana confinada me din que cando pasen 10 días de confinamento, e tres días máis sen síntomas, xa podo saír á rúa e facer vida normal dentro das circunstancias.
Infórmanme así mesmo, que segundo o novo Protocolo da Consellería de Sanidade, se da por feito que as persoas que están nas miñas circunstancias xa pasamos a enfermidade, que non supoñemos un risco para o resto da poboación e que polo tanto non é necesario que se nos faga unha nova PCR.
Pero a min asáltanme moitas dúbidas: Que evidencia científica ten esta decisión? Se sabemos de persoas que incluso facendo dúas PCR e sendo asintomáticas, dan de novo positivo, e polo tanto poden seguir contaxiando.
Por que se da orde ás médicas de atención primaria de que non pidan PCR? Se nos fala tanto da importancia da cadea de transmisión e despois as autoridades sanitarias non toman as suficientes medidas para evitar os contaxios.
Estamos a escoitar continuamente nos Medios de Comunicación da importancia da responsabilidade individual para parar esta pandemia pero onde queda a responsabilidade das persoas que teñen que tomar as decisións para preservar a saúde da cidadanía? Que fago eu? Saio á rúa sen ter a certeza de estar curada ou sigo no meu confinamento? Ou pago 150 € para que me fagan unha PCR nunha clínica privada que poda seguir engordando os seus beneficios grazas a aqueles que se dedican a deteriorar cada vez máis a prezada Sanidade Pública que temos? Que escuros intereses hai para favorecer ás clínicas privadas en detrimento da Sanidade
Pública?
Por todo o exposto pido a quen corresponda que se tomen as medidas necesarias para garantir a saúde das persoas sen pensar nos custes que isto conleva xa que os e as pacientes somos persoas que sufrimos, non somos números, queremos ter a certeza de que se está a facer todo o posible para erradicar canto antes esta pandemia.
E que non teñamos que vivir co medo de dous inimigos: a Covid e quen nos goberna.
A saúde é un dereito, non un negocio! Defendamos a Sanidade Pública!

Outros artigos

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

+

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.