
O Colexio Notarial de Galicia reforzou a súa presenza na comarca do Barbanza e Muros coa cobertura da praza de Outes. Este venres 23 de outubro tomou posesión no Colexio Notarial de Galicia, con sede na Coruña, a notaria Carmen Temperán Isorna, no concello de Outes. A maiores, pasan a formalizarse (tamén con colexiadas e colexiados da promoción de 2020) as prazas de Ferrol, Pobra de Trives, Palas de Rei, San Sadurniño, Viana do Bolo e Sarria.
O Colexio explicou que con estas novas incorporacións dáse un novo e importante paso en materia de igualdade, xa que o 33% das notarías de Galicia (55 de 166 notarías) están ao cargo actualmente dunha muller. “Esta progresión”, explica a entidade profesional, “é máis notable nas últimas promocións, de xeito semellante ao que ocorre con outras profesións xurídicas nas súas probas de acceso”.
A presenza feminina tamén será aplicábel á praza de Outes.
O acto solemne que se celebrará esta tarde na sede do Colexio Notarial de Galicia estará presidido pola decana, Isabel Louro García, en presenza da xunta directiva. No conxunto de España, toman posesión das súas prazas 55 mulleres (o 60% do total) e 36 homes en 16 Comunidades.
