Este venres a confederación de empresas pesqueiras e conserveiras ANFACO-CECOPESCA entregou as súas Medallas do Ano edición 2020 na sede do Círculo de Empresarios de Galicia. O evento, que se celebrou tras ser aprazado no mes de maio pola crise sanitaria, xuntou autoridades e referenciais representantes industriais do sector extractivo e conxelador pesqueiro, conserveiro e transformador de produtos do mar e a súa industria auxiliar. O ex presidente da entidade, Jesús Alonso, foi o encargado de inaugurar o acto.
Coa distinción das medallas de ouro e prata, ANFACO-CECOPESCA enxalza o apoio e colaboración que os galardoados veñen prestando tradicionalmente á industria de transformación e comercialización de peixes e mariscos española, mentres que coa distinción da medalla de bronce, ANFACO-CECOPESCA distingue a categoría persoal e profesional de traballadores do sector, neste caso concreto tres traballadoras das conserveiras Calvo e JEALSA.
Neste ano 2020 as galardoadas foron as seguintes:
Medalla de Ouro
Concedida á Axencia Galega de Innovación (GAIN), recolleu a Medalla o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Francisco Conde López. Con esta condecoración ANFACO-CECOPESCA quere destacar o papel da axencia como “axente clave no desenvolvemento empresarial galego ligado á innovación, liderando liñas estratéxicas relacionadas coa Industria 4.0, a Economía Circular ou Biotecnoloxía Azul, que permitiron ás industrias seguir competindo con produtos, procesos e modelos de negocio diferenciadores”.
Medallas de Prata
Concedida a Clara Eugenia Aguilera García, eurodeputada e membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, en recoñecemento “ao apoio e colaboración que vén prestando á industria de transformación e comercialización de conservas de peixes e mariscos española, representada por ANFACO-CECOPESCA como organización empresarial”, recoñecendo especialmente con esta Medalla “o fomento da competitividade do sector e a defensa dos seus intereses”.
Medallas de Bronce
Concedidas a Josefa Costa Nieto, traballadora na empresa Calvo Conservas desde o ano 1971; Visitación Cancela Rodríguez, traballadora na empresa Calvo Conservas desde o ano 1972; e Ángeles Santos Tubío, traballadora na empresa JEALSA desde o ano 1974.
Ao acto asistiron Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia; Ana Pastor Julián, vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados; Francisco Conde López, vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación; e Rosa Quintana Carballo, conselleira do Mar, entre outros representantes do ámbito político.