SumaRibeira propón axudar ás familias a costear o material de protección dos escolares nos colexios

11 Setembro 2020

O grupo cidadán SumaRibeira, a través do seu portavoz Xurxo Ferrón, presentou unha proposición para ser tratada pola Corporación e que está en relación directa cunha cuestión de actualidade que afecta a todas as familias e á sociedade por enteira: a volta ao cole. Na petición, SumaRibeira, facéndose eco da preocupación das nais e dos pais ante o inicio das clases neste clima de incerteza sanitaria e tamén económica, reclama “facilitar medios materiais que contribúan a paliar o importante esforzo que para as familias con menos recursos económicos pode supoñer, por exemplo, a necesaria utilización a diario de máscaras de protección fiábeis”.

A agrupación lembra que hai países da nosa contorna nos que estes elementos de protección están subvencionados polas administracións competentes, “cando menos para as familias con menos recursos económicos”. E engade: “Hai evidencia de que a eficacia das medidas preventivas reguladas pola administración depende necesariamente do adecuado cumprimento das mesmas por toda a poboación, sendo así que na comunidade escolar, por exemplo, para que as máscaras cumpran coa súa función será necesario que todas as persoas que comparten a mesma aula utilicen decote unha máscara que cumpra cos estándares establecidos”.

A plataforma ribeirense fai saber que “é responsabilidade das administracións competentes que non sexan as dificultades económicas obxectivas as que dificulten ou impidan cumprir a unha integrante da comunidade escolar coa obriga de colaborar solidariamente no coidado da saúde de todas”.

Por estes motivos, SumaRibeira pide ao Concello que proceda con dilixencia a convocar o Consello Escolar Municipal, no que “o Concello pode e debe manter unha comunicación fluída e directa coa comunidade escolar do noso concello, que sen dúbida pode ser de axuda para un mellor coñecemento das necesidades dos centros de ensino na prevención da COVID, e na dinamización da comunicación e obtención de axudas suficientes das administracións competentes”.

Outros artigos

Incendiados catro colectores en Aguiño

Os bombeiros do parque Provincial de Ribeira foron alertados esta noite dun incendio que afectaba a varios colectores en Aguiño, no concello de Ribeira. Víronse afectados catro colectores que quedaron completamente calcinados. As lapas danaron tamén, en menor medida,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión