Ruíz sostén que a construción do Auditorio custará á cidadanía menos cartos cós autorizados pola corporación

22 Setembro 2020

Saíndo ao paso das voces que cuestionan o desenvolvemento do proxecto do novo Auditorio Municipal de Ribeira, que critican o incremento dos orzamentos dende a súa orixe, o alcalde Manuel Ruíz ofreceu este martes 22 unha rolda de prensa co obxectivo de aclarar perante a cidadanía os detalles da nova construción. Segundo fixo saber, o novo Auditorio “custaralles ás arcas municipais menos cartos dos que os grupos da Corporación autorizaron segundo o aprobado no pleno de novembro de 2019”.

Neste senso, Ruiz Rivas recordou que na devandita sesión plenaria “aprobouse un suplemento de crédito por un importe de 1,5 millóns de euros en concepto de achega municipal para construír un inmóbel de 3,6 millóns de euros, que tamén estaba co-financiado por fondos europeos da EDUSI”. Estes fondos que tería que aportar o Concello para volver a sacar o proxecto a licitación, “cos seus custes reais”, dixo, “serían inferiores en 300.000 euros a ese 1,5 millóns de euros autorizado no mes de novembro”. Este punto, engadiu, equivalería a pasar dun financiamento municipal dun 52% a un 34%.

Esta diminución ten a súa explicación nas xestións coa Xunta de Galicia, que, segundo explicou o rexedor, “lograron frutificar con contribucións autonómicas de varias concellerías por importe de máis dun millón de euros, dos cales 190.000 estiveron destinados directamente a redacción do proxecto técnico actual”. Para o alcalde, está claro que de non levarase a cabo o proxecto, tal e como solicitan os grupos, “estaríanse perdendo estes cartos e tamén se correría un risco de perder os practicamente dous millóns de euros dos fondos europeos da EDUSI, amén de que o Concello investiu preto de 400.000 euros en adquirir un solar na praza do Centenario para este concreto cometido”.

Máis financiamento externo

Asemade, Ruiz Rivas explicou que segue a manter conversas para lograr máis financiamento externo tanto de entidades públicas como privadas de tal xeito que, “se o pleno do vindeiro luns dá o visto bo”, esa porcentaxe do 34% que está aportando o Concello “reduciríase aínda máis”. Na súa intervención o rexedor debullou os antecedentes da situación actual, comezando pola intención en orixe de adecuar a infraestrutura da antiga discoteca Hesta Kurba para conformar o Auditorio (unha proposta desbotada ante a conveniencia de potenciar o centro da cidade como “motor da economía local”), a adquisición dun solar na praza do Centenario, o lanzamento dun concurso de ideas, a redacción do proxecto e máis a licitación na obra (que “foi cando varias empresas constataron que os prezos reflectidos no documento técnico resultaban insuficientes”, dixo).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...