Os nosos concellos contribúen con milleiros de nomes de lugar á plataforma Galicia Nomeada

22 Setembro 2020

A plataforma Galicia Nomeada, a comunidade online dos nosos topónimos impulsada pola axencia AMTEGA e a RAG, foi un exemplo de crecemento e consolidación dende a súa posta en marcha, en decembro de 2019, malia a adversidade da COVID e as limitacións impostas para o traballo de campo en si mesmo (o traballo de verificar, rexistrar, compartir, localizar e visualizar o tesouro dos nosos nomes de lugar). Logo de máis de oito meses de actividade, o proxecto foi quen de reivindicar case 20.000 nomes en vieiros de esquecemento.

Estas contribucións convertéronse en realidade grazas á teimosía dos 1.300 integrantes da comunidade de Galicia Nomeada, que adican esforzos a rexistrar e salvagardar todo tipo de topónimos, poñendo o foco nos microtopónimos (os que designan xeralmente lugares miúdos do rural moi ligados á cultura popular: fontes, recantos, lavadoiros, leiras, soutos, fragas, penedos, outeiros, bosques, etc), que son aqueles que pola súa especificidade presentan máis risco de desaparición. A RAG destacou que a cifra de voluntarios do proxecto non “deixou de medrar durante o Estado de Alarma”, e seguiu a crecer no desconfinamento.

O Barbanza

Polo que respecta ás cifras xerais da nosa comarca (topónimos e microtopónimos), seguen a ser moi salientábeis oito meses despois da posta en marcha do proxecto. Ribeira ten a día de hoxe 1.436 nomes subidos, Pobra 575, Boiro 369 e Rianxo brilla con luz propia coas súas 2.331 entradas (grazas ás contribucións de Susana Silva, que achegou máis de 1.000 contribucións a longo destes meses, e de Ana Bravo, que xeorreferenciou unha chea de nomes durante a fase de probas). Tamén salienta polo norte Porto do Son, que xa ten 4.563, emprazándose como un dos concellos que con meirande número de nomes de lugar contribúe ao catálogo, xunto que Lousame, con 3.706, que ocupa un nivel moi destacado a nivel galego, ao igual que Muros con 3.662.

A aplicación toponímica

Galicia Nomeada inclúe unha aplicación colaborativa que permite recoller a microtoponimia, rexistrala, xeorreferenciala e difundila desde o novo Portal de Toponimia de Galicia. Opera de xeito cidadá e participativo, implicando á veciñanza dos nosos concellos no labor de rexistro, e vén con versión para Android e iOS, servindo de complemento á versión de escritorio.

Como usar Galicia Nomeada

A través dunha interface sinxela e intuitiva, a ferramenta permite introducir e localizar microtopónimos de forma individual, aos que se lle pode engadir unha imaxe, arquivos de son e vídeo (formatos MP3 e MP4) e textos explicativos, todo para favorecer, baixo supervisión dun equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG (que contrastará e verificará a súa existencia), achegas “de gran valor informativo ao xa rico patrimonio toponímico do país e referencia para os traballos da Administración pública, a investigación, o sector empresarial e a sociedade en xeral”.

Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto online, onde, alén dos seus datos persoais, deberá indicar os motivos que o levan a participar no proxecto e os lugares, aldeas ou concellos nos que vai traballar.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...