
O grupo socialista de Noia vai levar ao pleno de setembro unha petición sobre sobre as conclusións do Plan Director do Saneamento de Noia. Segundo fai saber o PSdG-PSOE noiés, cómpre que se fagan públicas as conclusións dun plan cuxa materialización estaba anunciada para antes do verán e que tivo a súa orixe en 2019, cando a Xunta deu a coñecer a adxudicación do mesmo por un importen superior aos 200.000 euros. Na adxudicación informábase de que antes deste verán de 2020 achegaríase a través do informe “un coñecemento exhaustivo do sistema de saneamento e das actuación necesarias para conseguir un saneamento integral da ría”.
A respecto de todo isto, os socialistas critican que xa pasou o tempo de espera e que neste intre séguese sen saber nada nin do informe nin das carencias que ten actualmente o saneamento da vila de Noia, “polo que solicitaremos que se nos informe de cal é o estado no que se atopa o Plan Director, e dos porqués da demora dunha investigación tan necesaria”, e máis tendo en conta que está a pique sde comezar a campaña marisqueira, segundo lembra o voceiro do grupo municipal Roberto Iglesias, que entende que “non podemos seguir a perder o tempo en anuncios que teñen moita repercusión informativa pero que non solucionan nada, xa que seguimos a verter directamente ao mar en distintos puntos da vila, a depuradora segue a ter moitas eivas sen traballar ao 100%, e a Xunta segue sen poñerlle freo a todos os vertidos que van directamente ao río Tambre”.
Os socialistas pedirán en pleno ao Goberno local que inste á Xunta a que “asuma as súas competencias e mellore as augas da Ría de Noia, unha necesidade medioambiental, como evidencia que siga prohibido o baño na praia de Testal, e unha necesidade económica ante o inicio da campaña marisqueira”.