
O Concello de Lousame vén de informar do remate das melloras levadas a cabo estes meses no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, destinadas a facilitar a adaptación do centro ás novas esixencias derivadas da COVID-19. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “aglomeramos o patio diante do edificio de infantil, pintamos a cociña e abrimos unha nova porta no comedor, que dá ao patio interior, para que así os nenos e nenas máis pequenos non teñan que cruzar pola zona onde están os máis maiores”.
O Concello, que destacou o feito de que as actuacións municipais foran finalizadas antes do inicio do curso (este xoves), explicou que a orixe dos traballos está no investimento realizado o ano pasado pola Xunta de Galicia: máis de 100.00 euros para, entre outras cousas, construír un patio cuberto, levar a cabo o cambio da cuberta do centro escolar ou habilitar unha aula de usos múltiples.
Cambio no Lousame Concilia
O Concello engadiu que este xoves porase en marcha unha nova edición do programa Lousame Concilia para o curso 2020/2021, que ofrece un servizo de canguraxe para nenos e nenas de 3 a 12 anos antes do inicio das clases. Este ano, debido aos protocolos da COVID-19, o servizo non se prestará nas instalacións do propio colexio, senón no pavillón municipal de deportes, emprazado a escasos metros do CPI, no mesmo horario: 7:45 a 9:00 horas.
A concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, explica que “contamos con 9 nenos e nenas anotados pero lembramos tamén que o servizo do Lousame Concilia está a disposición das familias de Lousame para que poidan achegar ás súas crianzas en días soltos”. Co fin de acceder puntualmente a este servizo é preciso contactar previamente no 616 345 812 para reservar a praza.
Este programa de conciliación familiar está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e e do Fondo Social Europeo.