
O departamento de Cultura do Concello de Boiro anunciou este mércores 30 o remate do programa de actividades Verán Cultural, que se desenvolveu ao longo destes meses baixo a bandeira da diversidade, a descentralización, o impulso ao talento e á creatividade das e dos artistas da nosa terra e a seguridade sanitaria. Para celebrar os éxitos do programa, o departamento de Cultura achegou un vídeo en recoñecemento a todas as persoas que formaron parte da axenda de actividades e a todos os cidadáns que participaron cumprindo as medidas de seguridade.
O persoal do departamento mantivo esta mañá unha xuntanza coa concelleira María Outeiral para facer balance do desenvolvemento das actividades, corrixir erros e preparar a programación cultural para os vindeiros meses. “Fixemos unha programación moi completa e variada, con moitas reticencias ao principio xa que a situación era de incerteza por mor da pandemia, pero que grazas ao traballo e esforzo conxunto de todo o departamento saíu moi ben”, afirmou María Outeiral, quen lembrou que o finalmente achegado polo Concello estes meses estivais foi, malia as restricións, “o programa máis completo dos últimos anos”.
O persoal do departamento quixo salientar tameń comportamento exemplar das persoas asistentes, “xa que todas as actuacións leváronse a cabo sen ningunha incidencia e sempre cumprindo coas medidas de prevención e seguridade por mor da COVID-19”.
A cita de hoxe rematou co anuncio de máis propostas educativas e dinamizadoras para a mocidade nos vindeiros meses.