
O pasado 24 de setembro celebrouse a sesión plenaria de setembro da Corporación de Rianxo. No seu transcurso os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego, Rianxo en Común e PSdG-PSOE presentaron cadansúas mocións derivadas da situación actual xerada pola crise sanitaria e pola necesidade de facerlle fronte ante o o inicio do curso escolar nos centros docentes do concello e de Galicia. Foron tres propostas con semellantes obxectivos e similares na exposición dos motivos polo que se tomou a decisión de unificalas nunha única resolución que foi finalmente aprobada coa abstención do Partido Popular e a ausencia de Ciudadanos. Estes foron os principais puntos da moción conxunta:
1. Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino, aprobado pola Xunta, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
2. Esixir á Xunta a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios do concello de Rianxo, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste. Na moción reflíctese o informe presentado pola Asesoría Xurídica da Deputación da Coruña: “Que, de ningún xeito pode encomendarse ás entidades locais novas funcións e responsabilidades na conservación e mantemento dos centros escolares, que son de titularidade autonómica, sen a correspondente consignación orzamentaria para sufragar os devanditos gastos e sen a correspondente delegación de tal competencia, pois o contrario supoñería unha vulneración da autonomía local constitucionalmente garantida, así como unha infracción da normativa básica estatal, en materia de educación e de regulación das bases das entidades locais”.
3. Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta un diálogo para resolver os problemas que impidan o desenvolvemento dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.
4. Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral polo Goberno local, para garantir o correcto funcionamento do curso escolar 2020-2021.
5. Convocar o Consello Escolar Municipal para abordar esta situación entre os grupos políticos de Rianxo e o conxunto da comunidade educativa do municipio, e establecer xuntanzas periódicas deste para dar seguimento ás reivindicacións que se trasladan á Consellería de Educación, para propor novas problemáticas ou incertezas que poidan xurdir para artellar solucións para aqueles problemas urxentes que poidan requirir da intervención do Concello, dentro das súas competencias.
6. Dar traslado do presente acordo á Xunta, á FEGAMP e ANPAs da localidade.