O BNG leva a situación do Museo do Mar de Noia ao Parlamento galego

03 Setembro 2020

Rosana Pérez e Ricardo Suárez na súa visita aos almacéns do Museo do Mar

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai levar ao Parlamento galego a actual situación do Museo do Mar de Noia, cuxo material, segundo denuncia o partido nacionalista, segue hoxe almacenado por particulares nas instalacións dos almacén da Asociación Mar de Noia, malia a inauguración das novas instalacións do centro de exposicións este verán.

En virtude de todo isto, a agrupación presentará unha proposta non de lei na que pedirá á cámara a que inste ao Goberno galego a dirixirse ao GALP 4 para lembrarlle “os deberes dos beneficiarios que establece o artigo 10 da Orde da Consellaría do Mar do 24 de maio de 2016, relativo ao cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela en canto aos obxectivos, realización das actividades ou adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención”.

Segundo critica o BNG, no mes de agosto o Concello de Noia anunciou a inauguración das novas instalacións do Museo do Mar de Noia, e que se materializou finalmente o día 21, “sen que ata o día de hoxe se tiveran trasladado ás mesmas os fondos pertencentes á Asociación Mar de Noia, que serviron para a creación do propio Museo, e sen que comezara a actividade e a xestión por parte da asociación”.

Dende o BNG defenden que esta situación é “un grave prexuízo para o patrimonio almacenado e piden que está situación non se demore máis no tempo”.

Así mesmo, o grupo nacionalista no Parlamento tamén rexistrou sendas preguntas para ser levadas a cabo na Comisión oitava e no pleno, relativas a esta cuestión.

Primeiramente, pregúntanse “se a Xunta considera que se están a cumprir os requisitos establecidos a orde da Consellaría do Mar e os obxectivos marcados polo Concello de Noia na solicitude da subvención que lle foi concedida consonte á devandita orde”.

En segundo lugar, a formación tamén preguntará pola valoración que fai o Goberno galego de que, unha vez finalizadas e inauguradas as instalacións do novo Museo do Mar de Noia, o material recollido durante anos pola Asociación do Mar de Noia que dou lugar á creación do propio Museo, permaneza amontoado en distintos almacéns particulares da localidade”.

Finalmente a agrupación nacionalista requirirá á Xunta a que se pronuncie sobre o feito de que o patrimonio cultural, histórico e etnográfico doado por centos de veciños de Noia e a súa comarca durante anos á Asociación Mar de Noia deba continuar divulgándose e poñéndose en valor co apoio e a colaboración das distintas administración públicas.

Outros artigos

A Biblioteca de Noia recoñece as mellores lectoras e lectores

A Biblioteca Municipal de Noia compartiu os nomes das persoas gañadoras no certame Recoñecemento das mellores lectoras e lectores da Biblioteca ao longo do pasado 2024, convocado con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas que se celebrou o sábado 11 de xaneiro. A...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión