O BNG de Noia reúnese coa veciñanza de Orro e Vilanova para traballar pola seguridade viaria

As e os integrantes da asemblea local do BNG de Noia están a percorrer os núcleos de Orro e Vilanova na procura de sinaturas para reclamar máis seguridade viaria nas estradas da contorna. O obxectivo é instar ao Concello de Noia e á Xunta, administración da que depende a estrada AC-550, para chegar a un acordo e frear os problemas que están a carrexar os vehículos para as veciñas e os veciños, principalmente pola alta velocidade daqueles e pola ausencia de espazos axeitados que garantan a seguridade dos peóns.

Os nacionalistas sinalan que “é urxente dar solución a unha reclamación veciñal que xa ten un longo percorrido” e pretenden contar co “apoio da xente para poder facer presión para que a Xunta acometa unha solución o antes posíbel”. A formación engade que as solucións, “ben sexa vía pasos de peóns ou vía pasos voados”, deben ir acompañadas “dunha redución efectiva da velocidade de tránsito e dunha sinalización axeitada dos pasos que permita aos condutores unha visión clara dos peóns”.

Os encontros coa veciñanza de Orro e Vilanova súmanse ás recentes reunións cos residentes de Boa, sendo a previsión estender esta campaña a outras zonas afectadas do concello polo mesmo problema. En palabras do portavoz da formación, Ricardo Suárez, “a estrada AC-550 convertese nunha muralla que separa en dous varios núcleos de poboación noieses”; ademais Suárez afirma que “hai unha clara unanimidade entre a xente destes lugares en canto á grande importancia de solucionar os problemas de inseguridade viaria e polo tanto valoran moi positivamente que intentemos buscar unha solucións dende as institucións”.