O BNG de Noia percorre a parroquia de Boa para recadar sinaturas para mellorar a seguridade viaria

Varios integrantes da Asemblea Local do BNG de Noia percorreron na mañá
do domingo as rúas da parroquia de Boa co obxectivo de recadar sinaturas
entre a veciñanza para instar á Xunta e ao Concello de Noia para chegar a
un acordo e mellorar a seguridade viaria neste lugar.

Integrantes da Asemblea Local do BNG de Noia recadan sinaturas para mellorar a seguridade viaria de Boa

Os nacionalistas consideran que é urxente dar solución a unha reclamación
veciñal que xa ten un longo percorrido e pretenden contar co apoio da xente para poder facer presión para que a Xunta, que ten a competencia sobre a estrada AC-550, acometa unha solución o antes posible. Non é o único punto desta estrada no que o BNG reclama unha solución, xa que a folla das sinaturas que están a recadar tamén contempla unha solución para o paso da AC-550 polos lugares de Orro, Vilanova e Eiroa, onde tamén existe un longo tramo sen posibilidade de cruzar a estrada de xeito seguro. Dita folla contempla as posibilidades de que as solucións sexa vía pasos de
peóns ou vía pasos voados, mais reclaman que as solucións escollidas
sexan postas en marcha de forma inmediata.
Esta primeira toma de contacto coa veciñanza de Boa enmárcase dentro
dunha campaña da formación nacionalista que pretende mellorar a
seguridade viaria en diferentes puntos da localidade e que se estenderá no
tempo. O portavoz da formación, Ricardo Suárez, recorda que “xa son
moitas as iniciativas presentadas polo BNG de Noia neste eido; como
acordos plenarios aprobados por unanimidade para poñer beirarrúas entre
o Campo das Rodas e Sobreviñas, para a colocación dunha rotonda no cruce
de A Barquiña, para o avance cara a peonalización da zona da Rúa
Corredoira e para a mellora da rede de marquesiñas do municipio; ou rogos
ao goberno para diminuír a velocidade dos vehículos na estrada que leva á
Cova da Moura, a mellora da seguridade entre os cruces de A Rasa e A
Barquiña ou a colocación e adecuación de pasos de peóns en diversos
puntos da localidade.”
O BNG de Noia considera a seguridade viaria un dos puntos clave na súa
acción política a nivel local e, ante a falta de atención aos acordos
municipais por parte do goberno noiés, sinalan que non dubidarán en facer
forza coa veciñanza para que estes se cumpran. Polo de agora, establecen
como primeiro obxectivo conseguir pasos de peóns e/ou pasos voados na
estrada AC-550, pero aseguran que ao longo de todo o mandato traballarán
por mellorar a seguridade viaria do municipio.